O Concello conclúe outra fase da humanización de García Barbón, onde se aplicou o concepto Smart Street

Nunha visita este martes á Avenida, Abel Caballero puxo en valor os dous millóns investidos na remodelación de García Barbón, entre Oporto e Serafín Avendaño, que inclúe elementos “smart” como un punto de recarga e sensores para reducir o rego cando chove. O alcalde avanzou que a humanización continuará ata Teis.
Publicado por o día 14/03/2017 na sección de Concello de Vigo,Vigo

O Concello conclúe outra fase da humanización de García Barbón, onde se aplicou o concepto Smart Street

O alcalde valorou a humanización “excepcional” xa concluída en García Barbón, no tramo comprendido entre as rúas Oporto e Serafín Avendaño, cun investimento total de dous millóns de euros e coa aplicación do concepto Smart Street.

Nos últimos meses o goberno de Vigo vén traballando na beirarrúa do lado mar, explicou Caballero, con 700 metros de novas canalizacións de saneamento, 21 pozos de rexistro e 64 acometidas, 445 metros de abastecemento, 22 acometidas e sete bocas de rego, 24 luminarias con lámpadas LED, rego e xardinería, ademais da renovación da rede eléctrica e dos semáforos.

O alcalde apuntou que “seguiremos humanizando” a Avenida García Barbón, primeiro ata o nó de Isaac Peral e, nunha fase sucesiva, ata Teis, e tamén as transversais á nomeada vía e a Rosalía de Castro.

A fase rematada polo goberno vigués incorpora elementos intelixentes, dentro do concepto Smart Street. Segundo enumerou Caballero, a rúa conta agora cun punto de recarga de móbiles e ordenadores, un sensor de choiva para optimizar o consumo da rede de rego, sinalización luminosa no chan nos pasos de peóns e nas paradas de autobús, sinalización no pavimento dos edificios emblemáticos, alumeado e semáforos LED, entre outros.

Esta reforma presentou especiais dificultades, indicou Caballero. A zona é arqueoloxicamente sensible, o que obrigou ás preceptivas sondaxes e escavacións previas. Ademais, localizáronse depósitos de combustible de subministro ás edificacións baixo as beirarrúas, a rede eléctrica estaba obsoleta e o terreo, pouco consolidado, o que supuxo ampliar a base do firme. Tamén a profundidade das acometidas de saneamento das edificacións supuxo un inconveniente que se salvou e subsanou coa humanización.