O Concello conclúe unha ordenación urbanística provisional para proxectos iniciados e de especial interese

O Concello, explicou o alcalde, procura así salvar a anulación do PXOM de 2008, subsanando deficiencias do Plan do 93 agora en vigor, blindando zonas de ordenación especial e polígonos con licenza no Plan de 2008, e ordenando ámbitos de especial interese, como o Porto de Vigo.
Publicado por o día 24/04/2017 na sección de Concello de Vigo,Vigo

O Concello conclúe unha ordenación urbanística provisional para proxectos iniciados e de especial interese

Abel Caballero informou hoxe luns que este Estudo de Medidas Provisionais de Ordenación, redactado polos técnicos municipais, foi remitido á Xunta de Galicia o pasado venres para a súa información urbanística e ambiental.

O Concello elabora este estudo e inicia a tramitación segundo o artículo 88 da Lei 2/2017 de Medidas Fiscais, Administrativas e de Ordenación. Caballero manifestou que o goberno vigués se acolle a esta vía legal previsa para cidades con Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) anulado e pensada para ámbitos de planeamento sen defectos sustantivos que provocasen a súa nulidade.

Caballero indicou que a nova ordenación provisional estará en vigor ata a aprobación dun novo Plan Xeral e permitirá subsanar deficiencias derivadas dun PXOM de 1993 -agora en vigor tras a anulación do de 2008- que non se axusta á realidade actual da cidade, e tamén fará posible blindar zonas de ordenación especial do Plan de 2008 con licenza solicitada ou autorizada durante o seu periodo de vixencia.

A proposta urbanística elaborada polo Concello, engadiu o alcalde, dota de ordenación a ámbitos de especial interese, como o Porto de Vigo, o Porto de Canido, o aeroporto de Vigo e a subestación eléctrica de Balaídos, e tamén a tres polígonos que tiñan aprobado inicialmente os seus proxectos de urbanización, como son A Metalúrxica, Tomás Paredes e Esturáns.

O alcalde recordou que, tras a anulación do PXOM por acto administrativo da Xunta de Galicia, a xuizo do Tribunal Supremo, o goberno de Vigo empregaría todos os mecanismos posibles para paliar os efectos desta decisión. Nesta intención enmarca Caballero este Estudo, ademais de eventuais modificacións puntuais do PXOM en vigor, das opcións abertas pola Lei 3/2016 e coa redacción en marcha dun novo Plan Xeral.