O Concello da Fonsagrada incumpre as sentenzas sobre os despedimentos do persoal do GES

A CIG de Lugo-A Mariña cualifica de “irresponsábel” a actitude do alcalde
Publicado por o día 08/08/2017 na sección de CIG,Galicia,Sindicatos

O Concello da Fonsagrada incumpre as sentenzas sobre os despedimentos do persoal do GES

Logo das catro sentenzas que consideraban nulos por segunda vez os despedimentos dos traballadores do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), o Concello da Fonsagrada aínda non cumpriu co fallo das mesmas: nin readmitiu ao persoal nin pagou os salarios de tramitación.

Ademais, todo fai indicar que a súas intencións van no camiño contrario, posto que vén de presentar escrito no xulgado solicitando que sexa o Concello de Baleira quen teña que readmitir os despedidos, pois, ao seu entender, sería este o que ocupa agora o lugar que antes ocupaba o Concello de Fonsagrada e onde se darían as condicións para a subrogación dos traballadores do GES.

O secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, denuncian a demora do alcalde da Fonsagrada para cumprir as sentenzas, “para seguir nunha fuxida cara adiante e non asumir a realidade, esquecendo a situación laboral na que se atopan os traballadores”.

Fronte a esta actitude, a CIG solicitou xa a execución provisoria das sentenzas, xa que foron recorridas, pedindo multa diaria por cada día de atraso na readmisión dos traballadores.

“A CIG considera responsábel desta situación ao alcalde e denuncia a súa falla de sensibilidade social, pero tamén demostra a incapacidade política para dar por rematado un despropósito que prexudica gravemente os intereses do propio Concello”.