Concello de Nigrán suspende actividades no auditorio e apraza obradoiros ante alerta vermella por COVID

Publicado por o día 19/10/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Nigrán,Sanidad

Concello de Nigrán suspende actividades no auditorio e apraza obradoiros ante alerta vermella por COVID

O Concello de Nigrán cancela as actividades programadas no Auditorio Municipal e de voluntariado nas dunas de Panxón e apraza o inicio dos obradoiros para maiores mentres dure o estado de alerta vermella por Covid-19 no municipio. O goberno local, tal e como fixo suspendendo a gala dos Premios Nigrán este sábado 17 de outubro, toma esta decisión por responsabilidade ante o aumento do número de contaxios. Deste xeito, aprázase ata novo aviso a sesión de cineclub do xoves e o concerto de Xardín Desordenado do sábado en homenaxe a Carvalho Calero, ambos no Auditorio, e igualmente, adíase o teatro do xoves en IES Proval e a actividade de voluntariado do GALP na contorna das dunas de Panxón, finalmente, retrásase o inicio dos obradoiros de memoria para maiores no Centro da Terceira Idade e as probas do circuito galego de Surf en Patos aprázanse, mínimo, ata o día 24 de outubro. Todo será reprogramado unha vez que a situación sanitaria mellore.

“Só sabemos que desde hoxe estamos en alerta vermella, o que quere dicir que se detectaron máis de 21 casos positivos nunha semana, pero non temos cifras concretas nin áreas. O importante agora é seguir cumprindo estritamente as indicacións sanitarias, tal e como a veciñanza ven facendo con exemplaridade desde o inicio da pandemia. Como repetimos desde marzo: paciencia, cariño e calma”, indica Juan González, alcalde de Nigrán.

Desde o Consistorio faise un chamamento ao cumprimento estrito de todas as indicacións das autoridades sanitarias, facendo fincapé nas últimas restricións da Xunta de non congregarse máis de dez persoas. “Desde o Concello cumprimos escrupulosamente con este mandato nas actividades que organizamos pero coidamos que, con alerta vermella, é convinte suspendelas”, reflexiona González.

O Concello de Nigrán realiza mediante a súa mutua cribados periódicos voluntarios do seu persoal, o derradeiro deles a semana pasada a dez persoas que estiveron en contacto cun edil contaxiado (todos eles tiveron un resultado negativo). “Tivemos un caso a semana pasada e nos mesmos nos encargamos de rastrexar os contactos no Concello e de efectuar os tests”, engade González, quen subliña que os profesores de actividades municipais tamén se somentes a tests.

Comentar noticia

Your email address will not be published.