Concello de Pontevedra: Carta Fegamp. Asunto: Persoas non gratas aos cinco agresores sexuais

Publicado por o día 25/06/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

Concello de Pontevedra: Carta Fegamp. Asunto:  Persoas non gratas aos cinco agresores sexuais

Sr. Presidente da FEGAMP,

Ante as desalentadoras novas que veñen da Audiencia Provincial de Iruña, o Concello de Pontevedra vén de decidir en Xunta de Goberno do día 25 de xuño do 2018, promover a declaración de persoas non gratas aos cinco agresores sexuais condenados polos feitos acaecidos hai dous anos nas festas do San Fermín.

A posta en liberdade destes agresores ten unha resposta social, mais tamén debe ter unha resposta política, na que os concellos non debemos quedar á marxe.

A xustiza española debe asumir os principios feministas e escoitar as mobilizacións sociais que demandan un cambio real, incluído no sistema xudicial.

Por iso consideramos que debemos ser contundentes e utilizar os instrumentos democráticos cos que nos dotamos. Como representantes da sociedade para lanzar unha mensaxe clara: rexeitamento á presenza de agresores sexuais nos concellos galegos, promovendo a consideración de persoas non gratas aos condenados.

O impacto mediático deste caso ten que servir para denunciar os moitos casos de agresión sexual anónimos e ser a pedra de toque que leve a cambios reais demandados pola sociedade que deben ser asumidos polo Sistema.

Miguel Anxo Fernández Lores
Alcalde de Pontevedra