Concello de Pontevedra e Universidade reafirman a súa vontade de colaboración

Ambos incidiron no potencial da contorna do campus da Xunqueira
Por o 11/06/2018 | Sección: Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo
Concello de Pontevedra e Universidade reafirman a súa vontade de colaboración

Trala toma de posesión, o pasado venres, de Manuel Reigosa como novo reitor da Universidade de Vigo e o posterior nomeamento dos novos vicerreitores e vicerreitoras, o novo responsable da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, Jorge Soto, foi recibido este luns polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, con quen mantivo unha xuntanza que serviu as dúas institucións para reafirmar a súa vontade de colaboración en múltiples eidos. “As relacións co Concello son magníficas e seguirán sendo magníficas, queremos incrementar o traballo, os proxectos e as relacións nas diferentes liñas que ten o Concello en materia de promoción da cidade, cultural, educativa, social ou deportiva”, salientou Soto na rolda de prensa celebrada tras unha xuntanza na que participaron tamén as concelleiras de Educación, Carmen Fouces, e Promoción Económica, Anabel Gulías, e na que o novo vicerreitor estivo acompañado polo profesor de CCSS e da Comunicación Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, o evento de promoción do emprendemento que Concello e Universidade desenvolven conxuntamente e que mañá martes presentará a súa quinta edición.

“O que nos interesa a ambos é manter a máxima colaboración e sacarlle a máxima rendibilidade ás titulacións que hai no campus”, engadía Fernández Lores tras este primeiro encontro co novo vicerreitor, no que o rexedor destacaba a importancia de buscar “sinerxías e complementariedades”. Nese senso, Fernández Lores puña o acento en ámbitos como a creatividade, o deseño, a moda, o deporte ou o lecer e o tempo libre, áreas representadas nas diferentes facultades e escolas do campus, como ámbitos “que realmente xeran moita actividade económica” e que a cidade debe aproveitar. “Pontevedra ten que ser unha cidade do deporte, pero tamén do emprendemento e da creatividade”, sinalaba nese senso o primeiro edil, que lembraba que na colaboración entre Universidade e Concello “hai un sinfín de camiños abertos, que queremos manter gran parte deles, dándolle as voltas que sexa necesario, e sobre todo, incrementalos no futuro”.

Proxectar unha contorna privilexiada

Na súa primeira visita o concello como vicerreitor, “unha etapa que hoxe empezo, absolutamente ilusionante e absolutamente chea de retos”, Jorge Soto felicitouse por “coincidir absolutamente” cos responsables do goberno local nas diferentes cuestións abordadas na xuntanza, como a “proxección que queremos do campus e das diferentes liñas de traballo dentro do Campus Crea e do Green Campus”. Nese senso, reafirmou a vontade da institución académica de situarse “a carón do Concello e de calquera institución que aposte pola cidade”, e defendeu á Universidade como un “socio interesante e importante” nesa colaboración a prol da cidade.

Entre os posibles ámbitos de colaboración, Soto aludiu á vontade do novo equipo de “seguir traballando no Campus Crea e seguir incrementando a relación da Casa das Campás coa cidade no aspecto cultural”, así como “darlle un pulo importante ao ámbito educativo, deportivo e de integración”. Neste último ámbito, tanto Soto como Fernández Lores puxeron de relevo o papel que a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte pode xogar “en aspectos que teñen que ver coa promoción deportiva da cidade”. Así mesmo, o vicerreitor aludiu á importancia da colaboración que se vén mantendo coa Concellería de Promoción Económica, “porque non cabe outra forma de entender a Universidade que non inclúa tamén o emprendemento e a empregabilidade dos alumnos e alumnas”, motivo polo que avogou por “incrementar bastante os esforzos nestas áreas”.

Por outra banda, vicerreitor e alcalde coincidiron tamén á hora de sinalar a importancia da contorna natural do campus da Xunqueira, “o campus máis bonito de España”, que sumado aos espazos contiguos como a Illa das Esculturas, fan desta zona “o Central Park de Pontevedra”, como salientou Fernández Lores. Trátase, sinalou, dunha zona “de altísima calidade medioambiental” a que cómpre “darlle máis visibilidade e máis utilización”, aspecto no que tamén incidiu Jorge Soto, quen salientou que se trata “dun auténtico luxo, á que hai que sacarlle o máximo rendemento para a cidadanía”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.