O Concello destina 295.000 euros ao fomento do fútbol base da Fundación Celta

A Xunta de Goberno Local aprobou os proxectos de obra para a senda fluvial do río Lagares dende a estrada de Moledo ata o polígono de Miraflores e para a senda do tramo entre o mercado de Cabral e a rúa Manuel Álvarez. Caballero sinalou que a reforma do paseo eliminará prazas de aparcamento na contorna de Citroen, polo que instou a Zona Franca a que constrúa un para o persoal da factoría.
Publicado por o día 02/11/2016 na sección de Concello de Vigo,Deportes,Vigo

O Concello destina 295.000 euros ao fomento do fútbol base da Fundación Celta

A Xunta de Goberno de Vigo vén de dar o visto bo á subvención para o desenvolvemento do programa de Fomento do fútbol base para a temporada 2015-2016 da Fundación Celta cun importe de 295.000 euros para que a entidade poida levar adiante a actividade da cidade deportiva, segundo expuso o rexedor.

Ademais, quedou aprobado o proxecto de obra para a execución da senda fluvial na marxe dereita do río Lagares, desde a estrada de Moledo ata a conexión co sendeiro existente no polígono de Miraflores, en San Pedro de Sárdoma, que ten a obriga de facer esta parte. Cun presuposto de 85.000 euros, a execución das obras ten un prazo de 12 meses. Así mesmo, a Xunta de Goberno Local deu luz verde ao proxecto de obra da senda do río Lagares na parroquia de Santa Mariña de Cabral no tramo comprendido entre o mercado de Cabral e a rúa Manuel Álvarez, que é a ampliación dunha obra anteriormente solicitada, que contempla tres novas pasarelas sobre o río sorteando as presas de tres muíños.

O alcalde apuntou que o goberno municipal continúa desenvolvendo o paseo do Lagares, coa previsión de acometer proximamente toda a reforma desde avenida de Madrid ata a desembocadura do río, o que implicará a desaparición das prazas de aparcamento existentes na zona e que usan principalmente os traballadores de Citroen. Así emprazou a Zona Franca a construír un aparcamento gratuíto para cumprir as súas obrigas coa factoría automobilística e os compromisos urbanísticos coa cidade dotando á empresa de prazas para o seu persoal.