O Concello do Grove a piques de rematar unha das obras cruciais en abastecemento de auga para o pobo

A conexión dos depósitos de Paredes e Borreiros supón unha das melloras máis necesarias para garantir o subministro, especialmente en época de verán.
Publicado por o día 27/01/2018 na sección de Galicia

O Concello do Grove a piques de rematar unha das obras cruciais en abastecemento de auga para o pobo

O Alcalde do Grove e os concelleiros responsables de obras e da zona rural achegáronse esta mañá as obras que se están acometendo na zona de Paredes. Trátase, sen dúbida, dunha das actuacións de maior importancia que se ten realizado na rede de subministración do Grove dende hai moitos anos. Temos que remontarnos a 2009, cando se puxeron en marcha os primeiros pasos deste proxecto. Naquela época a Concelleira de Obras Ángeles Domínguez plantexou que como parte das obras de mellora da rúa Xoán XIII se realizara unha arqueta e un bombeo que eran o punto de partida para solventar o problema de abastecemento e de presión con que a auga se subministraba ao casco urbano do Grove.

Logo da posta en marcha desta actuación o cambio de goberno supuxo que non se tomara ningún tipo de medida no relativo aos problemas da rede de augas do Grove durante catro anos. En todo ese mandato non se adicou practicamente ningún recurso nin a esta obra nin a outras en ningunha zona da vila. En 2015 retomouse por fin o proxecto e aproveitáronse as obras acometidas na zona das Caldelas para construír outra das arquetas necesarias, conectando esa zona co tramo de Paredes.

Todo isto permitiu que en 2017 xa se puideran poñer en marcha esta importancia actuación que supón conectar o antigo depósito de Borreiros co depósito de Paredes construído no ano 2008. Ata o de agora cada un deses depósitos dotaba de auga a unha parte do Grove de tal xeito que o de Parades subministraba a meirande parte do casco urbano e o de Borreiros a uns poucos barrios próximos.

A intervención realizada supón poñer en marcha unha conexión en bypass que os converte en “vasos comunicantes”. Este feito xa implica garantir unha maior presión de auga no subministro, algo que era un dos problemas máis habituais especialmente na época de verán. Ademais disto o sistema dobre aplicado supón que, no caso de que fallara unha conexión, existe outra adicional creando unha garantía que ata o de agora non existía e complicaba o funcionamento dos depósitos de xeito individual. A existencia da conexións supón ampliar notablemente a capacidade de subministración algo que resultaba urxente debido ao incremento de poboación e de consumo que se produce no verán.

A obra realizada contou cun orzamento de case 70.000 euros que sumados ás actuacións anteriores (2009 e 2015) elevan o proxecto a máis de 110.000 euros. A obra resultou especialmente complexa polo terreo onde foi realizada, retirándose da zona máis de 60 toneladas de pedra que requiriron unha semana de traballos só para ese fin. Na área localizarase unha arqueta de 6×2 metros que marcará o lugar onde se ubica o pulmón fundamental do subministro de auga ao Grove.

Trátase, polo tanto, dunha actuación fundamental que non foi acometida por outros grupos anteriores que non apostaban por obras “invisibles”. Dende o Concello do Grove amósase unha grande satisfacción por esta mellora que, sen ser a solución definitiva para os numerosos e graves problemas da rede de abastecemento municipal, supoñen un pulmón de osíxeno para os veciños e veciñas do Grove e tamén para os visitantes, xa que os beneficios da mesma observaranse especialmente no verán, contribuíndo, unha vez máis a atención ao turismo na zona. Esta obra, e outras acometidas nestes pasados anos, converten a este goberno no que máis ten investido na mellora do abastecemento do Grove.