O Concello do Grove última os detalles do sistema de xestión das Pistas de Pádel municipais do Monte da Vila

O Concello busca facilitarlle a todos os interesados e interesadas un fácil acceso para o uso destas novas e demandadas instalacións
Publicado por o día 24/01/2018 na sección de Deportes,Galicia,Pádel

O Concello do Grove última os detalles do sistema de xestión das Pistas de Pádel municipais do Monte da Vila

A falta de poucos detalles para que as novas pistas de padel municipais do Grove estean dispoñibles, o Concello do Grove ultima os detalles para a xestión da mesma. Entre outros trámites, o goberno local traballa para a posta en marcha da contratación de tres persoas que se encargarán da xestión do aluguer, do mantemento das instalacións e de impartir clases gratuítas deste deporte.

O sistema de xestión das pistas realizarase mediante aluguer. O Concello está estudiando un prezo por 1 hora e media de uso de entre 10 e 12 euros. Para poder facilitar o acceso, estase implementando unha aplicación móbil que permitirá que os usuarios poidan realizar as reservas e os pagos comodamente. Deste xeito calquera veciño ou veciña do Grove poderá consultar os horarios dispoñibles, reservar, realizar o pago e acceder ao uso da pista.

Lembramos que esta nova instalación, anexa ao novo pavillón de deportes, consta de tres pistas e atende a unha alta demanda deste tipo de deporte. Os afeccionados a esta disciplina non contaban con instalacións na vila e tiñan que desprazarase a outros lugares para a súa práctica. Deste xeito as consultas sobre o novo equipamento son constantes e xa se teñen creado clubs que empregarán as pistas para competicións.

A previsión é que sexa cuestións de días que as pistas poidan empezar a empregarse. Como inicio, e mentres se realizan os trámites para contar con persoal, establecerase un período de uso gratuíto no que se realizará unha reserva telefónica para poder acceder ás mesmas. Deste xeito preténdese “rodar” adecuadamente estas pistas para comprobar que se atopan en óptimas condicións e permitir que máis persoas poidan achegarse a este novo deporte que tamén se poderá practicar no Grove.