Concello e AEMOS formalizan a concesión demanial do viveiro de empresas da Veigadaña

A Asociación de Empresarios abrirá agora de xeito inminente o concurso público para os interesados en ocupar un dos 4 talleres de carácter industrial 4.0 dispoñibles no edificio
Por o 10/06/2019 | Sección: Galicia,Mos
Concello e AEMOS formalizan a concesión demanial do viveiro de empresas da Veigadaña
Compartir en:

Esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a Secretaria Municipal (quen deu fe do acto), e o presidente da Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS), Manuel Castro, asinaron no salón de sesións do Concello o documento de formalización de concesión demanial do edificio municipal para viveiro de empresas construído no Polígono Industrial da Veigadaña.

Con este acto de sinatura formalízase o convenio de colaboración polo que o Concello de Mos aproba a concesión demanial directa a favor da Asociación de Empresarios de Mos do uso privativo do edificio dos viveiros industriais sito no polígono de Veigadaña, inmoble do que o Concello é titular. O inmoble debe dar cumprimento á función de servizo público con fin de interese xeral relativa á implantación de viveiros industriais para o establecemento de emprendedores do municipio de Mos.

Unha vez formalizada a concesión demanial, iniciarase agora de xeito inmimente, por parte de AEMOS, o concurso para os aspirantes a ocupar o viveiro e así que a infraestrutura poida comezar a funcionar canto antes de man dos empresarios mosenses. O viveiro será xestionado directamente pola Asociación de Empresarios.

AEMOS convocará polo tanto próximamente o concurso público ao que optarán os ‘viveiristas’ que queiran ocupar un espazo no viveiro de empresas da Veigadaña. En total ofertaranse 4 talleres ou viveiros de carácter industrial 4.0. Dende AEMOS informan de que o procedemento de selección para a adxudicación destes catro viveiros abrirase de xeito inmimente. Os primeiros ‘viveiristas’ terán que estar asentados nas instalacións da Veigadaña antes de outubro deste ano.

Dende a Asociación de Empresarios mosense infórmase de que os criterios de valoración para a selección dos/as candidatos serán obxectivos, primando na puntuación parámetros como a viabilidade do proxecto, a fórmula xurídica (por exemplo cando se trate dunha empresa de economía social), que se trate de promotores demandantes de emprego (emprendedores), de colectivos de difícil inserción, menores de 35 anos, mulleres, etc.

A obra de construción do edificio que albergará o viveiro de empresas e servizos de apoio no polígono PEMOS-Veigadaña quedou finalizada en novembro de 2018.

O viveiro conta con 4 talleres para albergar empresas de actividades vinculadas coa industria 4.0, (desde robótica, impresión 3D, procesos, investigación… etc.) zona de oficinas para atención ao emprendedor, e espazo para empresas emprendedoras en condicións ventaxosas durante un ano prorrogable a outro ano máis, con técnicos que as asisten e asesoran, orientan e axudan, acompañándoas neses dous primeiros anos de actividade empresarial. Na segunda pranta estará a zona de servizos comúns e coworking, con despachos e zonas de recepción, administración, reunión e atención; onde poder organizar desde reunións comerciais ata eventos máis ambiciosos.

En abril de 2018 Concello e AEMOS asinaron o convenio para a creación do viveiro de empresas que está ubicado no polígono da Veigadaña e que subvencionou a consellería de Economía, Emprego e Industria con 240.000 euros.

Concretamente foi o 23 de abril cando a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, e o presidente de AEMOS, Manuel Castro, asinaban no salón de actos da Axencia de Colocación de Mos o convenio de Colaboración entre o Concello e a Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) para a Execución dun Viveiro de Empresas no Parque Empresarial de Mos (PEMOS-Veigadaña).

Preténdese mellorar a xestión empresarial a través da creación dun viveiro de empresas para emprendedores situado nunha parcela de centro terciario do Parque Empresarial de A Veigadaña, que permita descubrir e fomentar iniciativas empresariais e contemplar un tecido empresarial máis acorde coas novas estruturas tecnolóxicas e organizativas.

O Concello de Mos investiu a axuda solicitada á Consellería de Economía, Emprego e Industria na construción do edificio que albergará o viveiro de empresas, consistente en 240.000 euros, que representa o 80% da inversión total de 300.000 euros.

A Asociación de Empresarios de Mos aportou, de fondos propios, un importe do 20% da inversión total, é dicir, 60.000 euros.

O proxecto executouno o Concello de Mos, sendo este quen desenrolou a acción, conserva a titularidade do viveiro e recibiu a financiación procedente da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Pola súa banda AEMOS encargarase da xestión e do funcionamento do viveiro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.