Concello e Deputación asinan o convenio para financiar o acondicionamento do novo local municipal en Ferreiros

A Deputación achega a cantidade íntegra da remodelación: 1,2 millóns de euros. O Concello ten a obriga da contratación e execución da obra.
📣 Publicado por el 08/04/2019 en la sección de Galicia - Pontevedra

Concello e Deputación asinan o convenio para financiar o acondicionamento do novo local municipal en Ferreiros

O Concello de Pontevedra e a Deputación provincial de Pontevedra asinaron esta mañá o convenio de colaboración para o acondicionamento do novo local municipal na rúa Ferreiros. En virtude do acordo, a Deputación achegará a cantidade íntegra para remodelar o local cun investimento de 1.246.953,40 euros e o Concello será o encargado da adxudicación da obra, que executará a Unión Temporal de Empresas (UTE) Prace-San Emeterio.

O acordo entre ambas administracións que estaba previsto asinar esta semana nun acto público, tivo que resolverse por valixa ante a imposibilidade de casar axendas institucionais. O acordo é froito do bo entendemento e da lealdade que dirixiron as relacións entre ambas administracións nos catro últimos anos, exemplo de colaboración institucional.

As novas dependencias municipais na rúa Ferreiros teñen unha superficie de 1.328 m2 divididos en dúas plantas: unha de 600 m2 e outra de 728 m2, por un prezo de 1.152.000
euros.

Acollerán a 70 funcionarios das áreas de Urbanismo (Disciplina urbanística, Medio Ambiente e Policía Administrativa, Oficina técnica de licenzas e inspección, Oficina técnica de rehabilitación, Servizo de Urbanismo, Planeamento e Patrimonio) e Tesourería (Tesourería, Xestión Tributaria, Contratación tributaria, tributos e inspección): 30 postos na planta baixa (xestión tributaria) e 40 postos na primeira con urbanismo, todos eles distribuídos por áreas e por departamentos.

A remodelación inclúe todos os servizos, domótica, videovixilancia, mobles, arquivos… así como unha reforma interior pensada para aforrar até un 50% dos consumos de enerxía habituais nas oficinas deste tipo. De feito, instálase unha celosía de madeira exterior que poida servir para refrescar as oficinas no verán ou manter o calor no inverno. Adóptanse estratexias do que se vén en chamar Arquitectura Pasiva para conseguir unha cualificación enerxética de proxecto tipo “A”, a mellor das posibles.