Concello e Fundación asinan un convenio para garantir o bo mantemento do Pazo de Mos

Este ano realizaranse no edificio traballos de mellora por valor de 12.000 euros
Publicado por o día 20/02/2018 na sección de Galicia,Mos

Concello e Fundación asinan un convenio para garantir o bo mantemento do Pazo de Mos

Esta mañá asinouse no salón de sesións do Concello de Mos un convenio de colaboración entre a administración local e a Fundación Pazo de Mos para o mantemento das instalacións do Pazo. A sinatura foi formalizada pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e polo presidente da Fundación, Manuel Barciela, que estivo acompañado por outros dous membros da directiva da entidade.

Grazas ao convenio hoxe asinado realizaranse obras de mantemento interior do Pazo dos Marqueses de Mos, consistentes en traballos de optimización tales como labores de pintado e barnizado, entre outras melloras necesarias.

Así mesmo o convenio regula a colaboración entre ambas entidades en relación ao uso das instalacións do Pazo de Mos por parte do Concello e a achega económica por parte do Concello para colaborar no mantemento das instalacións.

O Concello de Mos colaborará co mantemento do Pazo, ben realizando unha achega económica directa de 12.000 euros anuais ou ben colaborando directamente no mantemento do Pazo realizando traballos ou aportacións materiais por un importe igual ou superior a este. Neste último caso sempre dacordo coa directiva da Fundación Pazo de Mos.

A cesión de locais do Pazo entenderase que será para cumprir cos destinos previstos nos estatutos da Fundación: actividades de interese xeral ou para a veciñanza, informativa, culturais, sociais e deportivas organizadas polo Concello. Os espazos disporanse dacordo ás necesidades previstas para a actividade concreta.

Grazas a este convenio o Concello de Mos ten dereito preferente do uso do auditorio para a realización dos Plenos mensuais.

A duración deste convenio é anual polo que a data de finalización do mesmo é dun ano despois da data da súa sinatura. A renovación do documento realizarase automaticamente se ningunha das partes manifesta a súa vontade de non renovación cun mes de antelación á data de finalización.

O Pazo de Mos é un edificio de interese cultural e histórico catalogado por Patrimonio como ben a conservar. Antiga residencia dos Marqueses de Mos, destruído durante a invasión francesa no ano 1.809 e que agora atópase restaurado, está situado no núcleo histórico de A Rúa, no Camiño de Santiago á beira da Igrexa parroquial e do edificio “A Casa Blanca”, que foi a Casa Consistorial e actualmente é un Albergue de Peregrinos.

A Fundación Pazo de Mos ten coma fins estatutarios o mantemento do Pazo de Mos e a realización no mesmo de toda clase de actividades culturais e deportivas así coma destinar o mesmo como sede das distintas asociacións parroquiais.

Pola súa banda o Concello de Mos está especialmente interesado na conservación do patrimonio histórico e artístico, adquirindo este interese unha dimensión especial cando dito patrimonio se sitúa no Camiño de Santiago, tal é o caso do Pazo de Mos.

 

Sendo de interese común para a Fundación Pazo de Mos e para o Concello de Mos o bo mantemento do Pazo de Mos, asinouse hoxe un convenio de colaboración entre ambos organismos a tal fin.