Concello e INVIED asinan o convenio que supón “o final do principio” para integrar os espazos militares na cidade

Trátase dun acordo “complexo” que permitirá regularizar as viviendas militares de Mollavao e Campolongo e permitirá abrir espazos verdes é públicos para a veciñanza
Publicado por o día 22/07/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

Concello e INVIED asinan o convenio que supón “o final do principio” para integrar os espazos militares na cidade

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o director xerente do Instituto da Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED), Atilano Lozano Muñoz, asinaron esta mañá o convenio urbanístico que permitirá integrar na cidade, e atendendo aos estándares do modelo Pontevedra, os espazos militares que o Ministerio de Defensa posúe nas zonas de Campolondo e Mollavao. Trátase dun acordo que permitirá, en palabras do alcalde, “permeabilizar toda esa zona, ata agora pechada e de uso restrinxido para militares, e abrir espazos verdes e espazos públicos”. Unha idea na que tamén incidiu o director xerente do INIVIED asegurando que este convenio supón “o final do principio” e que é “un acordo no que todo o mundo sae beneficiado, tanto o cidadán de Pontevedra como os usuarios das vivendas militares”.

En virtude deste convenio, o Concello recibe case 10.000 m2 de espazos públicos en Campolongo e case 4.000 m2 en Rosalía de Castro, así como un local de 367 m2 en Campolongo, completa a rúa Tablada, adecenta a fachada da rúa Rosalía de Castro e crea unha praza entre esta rúa e Manuel del Palacio. Ademais, o INVIED poderá construír arredor de 220 vivendas, para o que estima facer nun prazo de 2 anos. Tanto Miguel Anxo Fernández Lores como Atilano Lozano Muñoz indicaron que este foi un acordo “complexo” que tardou 21 anos en materializarse e ambos coincidiron en amosar a súa satisfacción pola sinatura desta mañá.

De xeito máis pormenorizado, inclúe os seguintes acordos:

Na parcela de Campolongo (entre Fernández Ladreda e Xeneral Rubín)

• A modificación do uso residencial da parcela de tal xeito que o INVIED poida vender aos inquilinos as súas vivendas, así como construír dous novos edificios previstos dentro da parcela, que lle permitirá crear estacionamento soterrado de uso privado dos residentes, xa que os edificios carecen del. Os edificios serían de baixo máis 6 alturas máis aproveitamento baixo cuberta cunha edificabilidade 2.873 metros cadrados.
• Completar a rúa Tablada dándolle as aliñacións fixadas no Plan e dándolle saída cara María Victoria Moreno.
• A cesión de dunha vivenda e dun local do INVIED e a súa conexión, para convertelo en local municipal cunha superficie total de 367 metros cadrados.
• A apertura a uso público do viario, das zonas verdes e dos espazos libres existentes neste complexo residencial cunha superficie total de 9.963,25 m2.

No ámbito de Mollavao (Manuel del Palacio con Rosalía de Castro) está previsto:

• A creación dunha praza pública aberta cara Rosalía de Castro, coa posibilidade de conectala cara Manuel del Palacio. A superficie de uso público sería de 3.848,70 m2.
• Derrube das edificacións actuais e permitir o aproveitamento de parte da parcela para a edificación dun edificio de baixo máis 5 e máis 6 pisos, que permitirá pechar a medianeira do edificio lindeiro cara Rosalía de Castro. A edificabilidade é de 1.596,21 m2.
• Recoñecer o uso educativo dunha porción de terreo, de aproximadamente, 116,37 metros cadrados, ocupado dende fai moito tempo polo centro de ensino lindeiro.

Ademais dos acordos propiamente urbanísticos, a contía destinada á urbanización das dúas parcelas (que correría a cargo de Defensa) sería de 750.000 euros que se debera executar con anterioridade a que o Concello reciba e abra ao público as novas vías, prazas e zonas verdes, para que estes cumpran os estándares de calidade urbana municipais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.