Concello e Ministerio acordan simplificar os trámites da solicitude do Ingreso Mínimo Vital

Os interesados non terán que dirixirse ao Padrón Municipal para solicitar o certificado obrigatorio, xa que as dúas administracións cruzarán os datos sen ser necesaria a presencia da persoa solicitante.
Publicado por o día 21/07/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

Concello e Ministerio acordan simplificar os trámites da solicitude do Ingreso Mínimo Vital

A Concellaría de Réxime Interior que dirixe Anabel Gulías continúa a adoptar medidas para desconxestionar a atención ao público do servizo do Padrón, que na última semana viu incrementado considerablemente o seu traballo. Ademais de reforzar a atención telefónica, a concellaría mantivo contactos co Ministerio de Seguridade Social para que todas as persoas que soliciten o Ingreso Mínimo Vital non teñan que dirixirse ao servizo do Padrón.

É dicir, até o de agora un dos requisitos para solicitar este Ingreso é obter un certificado de empadroamento. Esta xestión e as súas consultas xeran un gran tráfico de chamadas ao Padrón, polo que a Concellaría e o Ministerio acordaron que fose o propio Padrón o que se poña en contacto co Ministerio ante calquera solicitude presentada e non sería preciso obter persoalmente ese certificado que emitirá, de oficio, o Concello sen a presenza do interesado ou interesada.

Esta medida redunda na desconxestión do servizo do Padrón que na última semana viu incrementado substancialmente o seu traballo froito das eleccións autonómicas (xa que é o departamento encargado da xestión das mesas), das entrega de certificados para as matrículas escolares e da tramitación do novo Ingreso mínimo vital.

A pasada semana a Concellaría de Réxime Interior reforzou a atención telefónica tanto na centraliña como nos Servizos de Rexistro e Padrón. A centraliña está sendo atendida por dúas persoas, e as chamadas dirixidas directamente Rexistro e Padrón por cinco persoas. Ademais, para o Servizo de Padrón creouse unha liña nova específica: 986850337.

A concelleira indicou que con este reforzo se pretende mellorar a atención á cidadanía, e minimizar os efectos que o traslado provisional destes servizos á Casa da Luz poidan ocasionar. Neste sento, lembrou que tanto Padrón como Rexistro está previsto que volvan para as dependencias de Michelena o vindeiro mes e que o novo sistema de citas previas quede implantado no mes de setembro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.