O Concello edita oito “Historias para coñecer Vigo” que percorren os barrios da cidade

Trátase dunha colección de oito libros, asinados por autoras e autores vigueses ou afincados na cidade, que abordan os elementos da identidade olívica a través das diferentes zonas e barrios co obxectivo de que a cidadanía coñeza a súa historia.
Publicado por o día 18/10/2016 na sección de Concello de Vigo,Cultura,Vigo

O Concello edita oito “Historias para coñecer Vigo” que percorren os barrios da cidade

O alcalde presentou este martes a colección “Historias para coñecer Vigo”, conformada por oito libros que combinan ficción e realidade co obxectivo de amosar a memoria da cidade, a súa toponimia, a arte, a literatura e os seus barrios. No acto, celebrado no MARCO, estiveron presentes Javier Romero, da editorial Elvira, e a maioría dos autores e autoras dos textos, entre elas, Ledicia Costas e Clara do Roxo, do colectivo Catro patacos, que promoveu a idea “brillante”, en palabras do rexedor porque permite percorrer a cidade a través da literatura.

O Concello quere que a cidadanía coñeza a historia de Vigo con esta colección escrita por oito autores, vigueses ou afincados na urbe, que ambientan o seu relato en diferentes espazos que configuran a identidade viguesa: Clara do Roxo asina “Sombras do Ensanche”, onde amosa a súa riqueza arquitectónica e museística; Manuel Sánchez Gálvez recolle o nacemento de Vigo no Casco Vello en “Os consellos de Carlos Calvo”; Santiago Lopo sitúa o seu relato na beleza natural das praias viguesas con “A voz das nereidas”; sobre as Illas Cíes poderemos ler en “Poboadores do Atlántico” de Amadeo Cobas; María Lado en “Entre os dous hai un río” narra o Vigo máis auténtico e actual do Calvario e Lavadores; Marga do Val mostra en “Tizita e Sabela na procura” as posibilidades do pulmón da cidade: os parques do Castro e de Castrelos; Francisco Castro recrea o mundo obreiro con Teis como escenario en “Barricadas de sal” e Ledicia Costas aborda a cultura mariñeira e naval de Bouzas con “Neve detrás do cristal”.

O alcalde destacou que este proxecto literario é unha “forma distinta de facer cidade” amosando a través dos oito textos unha maneira de vivir Vigo, percorrendo os barrios e a través dos seus persoeiros, que “nos entusiasma” e amosou a súa satisfacción por esta colección agradecéndolle aos autores e autoras que foran quen de “trazar unha historia para vivir e sentir a cidade de maneira que o Vigo da súa imaxinación colla corpo no Vigo real”.