O Concello esixe a Costas que repare a rampla do Museo do Mar

O edil de Seguridade, Carlos López Font, denunciou este xoves o “grave risco” no que se atopa o acceso á praia da Mourisca que ten acceso directo e exclusivo desde o Museo.
Publicado por o día 28/09/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello esixe a Costas que repare a rampla do Museo do Mar

Carlos López Font sinalou que a rampla é de dominio público terrestre, dependente de Costas, a quen “esixiu o seu arranxo inmediato porque o Concello nin pode nin debe intervir nesta situación de desatención total” e criticou que nin o propio Museo nin a Xunta teñan reclamado a reparación que debería ser “prioritaria”.

O edil de Tráfico e Seguridade expuxo que, nas condicións nas que se atopa dende hai máis dun ano, a rampla supón un “grave risco e perigo para as persoas”, especialmente agora que se agardan visitas coa apertura da exposición do Pergamiño Vindel no Museo a partir do 10 de outubro. Amais, denunciou as medidas de seguridade empregadas para advertir do perigo: a instalación dunha valla pegada a unha parede e non instalada na baixada á praia. Considerando grave a situación, indicou que a rampla ten interese para as persoas pero é de uso exclusivo dende o Museo, ao dar acceso directo á praia da Mourisca desde o interior do recinto.