O Concello está gastándose 1000€ ao día, pagando á concesionaria de Conservación e Mantemento de Zonas Verdes por un servizo que non se está levando a cabo

Por o 08/04/2017 | Sección: Marea Vigo,Política,Vigo
O Concello está gastándose 1000€ ao día, pagando á concesionaria de Conservación e Mantemento de Zonas Verdes por un servizo que non se está levando a cabo
Compartir en:

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, a desfeita que se está facendo na xestión da contratación pública no Concello de Vigo está chegando a límites de dubidosa legalidade, cando se están pagando aproximadamente 1000 euros ao día dende o día 1 de abril á empresa concesionaria de Parques e Xardíns para que teñan as piscinas de Samil en condicións de saúde e seguridade óptimas para a súa apertura e uso.

Para tal efecto, a empresa tiña que ter contratado xa ao persoal que fai as labores de socorrismo, así como ter levado a cabo a limpeza e saneamento correspondente nas piscinas, e ter pasado estas polos controles de sanidade correspondentes. Isto non sucedeu, e as consecuencias son, ademais da gravidade da dilapidación de cartos públicos, unha grande irresponsabilidade á hora de xestionar os espazos públicos de lecer, non só para a veciñanza de Vigo, senón para todas as persoas que se prevé van visitar a nosa cidade nos próximos días (os datos de ocupación son de mais do 75 %).

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, engade que “a cuestión do turismo pasa pola consolidación das visitas, feito que require o óptimo funcionamento dos servizos”.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo vai solicitar outra vez de xeito formal e vía rexistro a convocatoria da Comisión de Vixilancia da Contratación Pública, xa non é só unha cuestión de convocar con normalidade os órganos de control que existen no Regulamento do Pleno de Vigo, senón pola situación de emerxencia que existe con gran parte das concesións públicas (moitas delas levan gran parte do orzamento do Concello de Vigo), onde un alcalde pode decidir unilateralmente e mesmo no límite do tempo ampliar un ano unha concesión pública na que se van comprometer mais de 25 millóns de euros, como o que acaba de acontecer cos contratos ligados a RSU, o que ven supoñer outra proba mais da necesidade de control sobre as contratacións públicas, e, segundo Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo “ non soamente sobre as empresas, senón, e en base ao evidente e demostrado, sobre as xestións feitas por parte das persoas responsables neste eido, tanto responsables políticos como responsables técnicos”.