O Concello inicia os trámites para a declaración da Reconquista como Festa de Interese Turístico Nacional

O alcalde anuncia que levará a Xunta de Goberno, primeiro e ao Pleno despois, unha proposta para que a celebración reciba esa distinción que debe aprobar o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. Ademais, reiterou o apoio municipal á festa cunha achega de 100,705 euros este ano.
Publicado por o día 06/06/2017 na sección de Concello de Vigo,Vigo

O Concello inicia os trámites para a declaración da Reconquista como Festa de Interese Turístico Nacional

“Iniciamos a declaración de Interese Turístico Nacional e vaise conseguir porque reúne as características”, así explicaba Abel Caballero este martes que o Concello comeza a tramitación para facer efectiva esa declaración por parte do Ministerio de Turismo que, nunha orde de maio de 2006, establece como requisito para conseguir a distinción un acordo plenario do municipio no que se celebre a festa.

Así, o alcalde anunciou que pasará unha proposta por Xunta de Goberno e que a levará ao Pleno da Corporación propoñendo que a Reconquista sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional. Un acordo que se elevará á Xunta, que deberá informar sobre a declaración para remitirllo á secretaría xeral de Turismo.

Segundo explicou, a festa reúne todo os requisitos a excepción dun: a esixencia de ter realizado 20 actuacións promocionais en medios nacionais e internacionais. “Fixemos un numero singular, dentro das accións de promoción da Reconquista, pero non chega a vinte”, polo que deu a coñecer que se iniciarán “insercións promocionais para acadar as 20” para “darlles apoio para cumprir este último requisito”.

No relativo ao financiamento da Reconquista de Vigo, Caballero sinalou que funciona “intimamente ligada ao apoio do Concello” que cede os espazos para situar os postos, que realiza as accións publicitarias, dispón traxes, armas e neste 2017 dedicou “100.705 euros: 60.000 euros do convenio coa asociación, 19.500 euros de promoción turística e 21.205 de difusión publicitaria”. A isto súmanse os 25.000 euros de ingresos da organización en base á cesión do espazo, que lles permite ingresar o custo da instalación de espazos de vendas, quioscos, chiringuitos, postos…O rexedor reclamou da Xunta de Galicia unha achega económica que “sería bo que fixera”, do mesmo xeito que o fixo a Deputación de Pontevedra desde o ano pasado.