O Concello inicia o xoves o socorrismo en dez praias, atendidas por máis de 80 profesionais

Caballero informou hoxe martes do dispositivo que dispón o Concello nas praias desde o 15 de xuño ao 15 de setembro, composto por máis de 80 persoas para prestar os servizos de seguridade, vixilancia, socorrismo, salvamento e asistencia sanitaria de primeiros auxilios.
Publicado por o día 13/06/2017 na sección de Concello de Vigo,Vigo

O Concello inicia o xoves o socorrismo en dez praias, atendidas por máis de 80 profesionais

Este xoves, o Concello de Vigo arranca co dispositivo de verán en dez praias da cidade: A Punta (Teis), O Tombo do Gato, Argazada (Alcabre), Samil, O Vao, Fontaíña (Coruxo), Canido (San Miguel de Oia), Fortiñón (Saiáns), Rodas e Figueiras (Illas Cíes).

O alcalde informou este martes do servizo municipal de salvamento e socorrismo, composto por 81 profesionais en total e que funcionará do 15 de xuño ao 15 de setembro. O Concello adica 426.000 euros nun dispositivo que procura dar a máxima “seguridade” aos usuarios e a consecución das bandeiras azuis nos areais vigueses.

Caballero indicou que 65 persoas se encargarán do socorrismo, salvamento e asistencia sanitaria nas praias, mentres que outros 16 axentes da Unidade Costa e Praia da Policía Local, con base en Samil, cubrirán todo o litoral vigués, incluídas as Illas Cíes. A este respecto, o alcalde enfatizou o reforzo este ano da presenza policial no arquipélago nas noites das fins de semana, cando poderá haber ata seis efectivos.