O Concello inviste 1 millón de euros na segunda fase das escaleiras mecánicas da Porta do Sol

A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de obras para instalar as escaleiras mecánicas entre a Porta do Sol e a rúa Abeleira Menéndez continuando o programa Vigo Vertical de mellora da accesibilidade na cidade. Amais saíu adiante o proxecto de execución das obras de acondicionamento da praza superior do Mercado do Progreso cun presuposto de 89.000 euros.
Publicado por o día 23/09/2016 na sección de Concello de Vigo,Vigo

O Concello inviste 1 millón de euros na segunda fase das escaleiras mecánicas da Porta do Sol

O goberno de Vigo continúa mellorando a accesibilidade na cidade coa “gran acción do Vigo vertical” tras a aprobación en Xunta de Goberno Local do proxecto de obras das escaleiras mecánicas entre a Porta do Sol e a rúa Abeleira Menéndez, que teñen un presuposto de 1.009.000 euros.

Abel Caballero informou este venres que se trata da segunda fase desta obra, tras a mellora realizada no primeiro tramo para salvar o desnivel existente, e que seguindo o mesmo estilo da anterior incluirá dúas novas escaleiras mecánicas que quedarán cubertas con paramentos verticais a base de ferro, vidro laminado e temperado.

Tras as catas arqueolóxicas realizadas que deron con vestixios patrimoniais que non afectan ao proxecto, o Concello pode iniciar a obra e fará un seguimento durante a execución da obra para manter o que “posiblemente sexa unha muralla do século XVII”, tendo en conta que “hai que coidar de forma extrema o mantemento de todos os restos”.

O rexedor avanzou os proxectos que se enmarcan dentro do programa “Vigo Vertical” co que o Concello quere salvar problemas de accesibilidade derivados da orografía viguesa citando o proxecto construtivo dende a rúa San Salvador e a Praza Isabel A Católica en Pizarro, cun investimento inicial de 350.000 euros; o proxecto construtivo dun ascensor na rúa Juan Ramón Jiménez, entre Torrecedeira e Pi y Margall que ten un orzamento inicial de 830.000 euros e que se mantén o proxecto de rampa e escaleiras que unirán a rúa Carral á altura de Marqués de Valladares coa Porta do Sol, que se inclúe no aparcamento da porta do sol.

Acondicionamento da praza do Mercado do Progreso
A Xunta de Goberno Local tamén deu o visto bo ao proxecto de execución das obras de acondicionamento da Praza de titularidade municipal situada sobre o Mercado del Progreso, onde estaba instalado o mercado provisional que, logo da apertura do novo, xa está desmontado.

Segundo explicou o rexedor, o Progreso, que é un mercado de “rango e funcionamento de nivel europeo”, está funcionando “moi ben” e agora procede acondicionar esa praza ao aire libre para que forme parte adicional do proxecto dando servizo a todo o espazo cunha proposta de restauración, cultural e musical onde se poidan ofrecer concertos e servir de “efecto chamada” cara toda esa zona do centro de Vigo. O presuposto de licitación da obra é de 89.000 euros con dous meses de execución previstos.