O Concello de Lalín destina 11.600 euros á adquisición de material para uso informático e implantación da Administración electrónica

Publicado por o día 19/02/2018 na sección de Galicia

O Concello de Lalín destina 11.600 euros á adquisición de material para uso informático e implantación da Administración electrónica

O concelleiro de novas Tecnoloxías, Tomás Vilariño, informa de que se vén de aprobar en Xunta de Goberno o gasto de 11.600 euros para a adquisición de diverso material informático necesario para desenvolver a actividade municipal en diferentes departamentos, así como para mellorar a implantación da administración electrónica no Concello de Lalín mediante a incorporación dos medios técnicos necesarios. Os fondos para mercar o citado material proveñen dunha achega da Deputación de Pontevedra, ao abeiro do Plan de Concellos 2017. A empresa encargada de realizar o suministro será Lalinfor Sitemas SL, que foi a que presentou unha oferta máis vantaxosa entre as 3 firmas ás que se lle solicitou orzamento.

Así, o Concello de Lalín vai incorporar ao rexistro municipal un novo escáner e unha nova impresora etiquetadora, que permitirán axilizar o proceso de dixitalización de documentación -imprescindible coa administración electrónica- que a cidadanía presente en papel de xeito rápido e cunha boa calidade de imaxe e mínimo peso para que non ralentice o seu funcionamento e para axilizar e mellorar o traballo deste departamento. Por outra banda, o Concello vén de incorporar un novo posto de traballo no departamento de Urbanismo, polo que é preciso dotalo con medios axeitados para que poida realizar o seu traballo. Deste xeito, será preciso instalar novos softwares de debuxo asistido, de elaboración de orzamentos e de redacción de proxectos. Tamén se incorporarán dous novos equipos informáticos completos con maiores prestacións técnicas para a correcta realización do traballo, con rapidez e fiabilidade.

Retransmisión dos plenos

Por outra banda, no Concello de Lalín, co fin de achegar a actividade municipal e facilitar o seu acceso aos cidadáns, estanse a realizar tarefas de retransmisión en directo tanto do Pleno Municipal, como de diferentes actos de diversa índole. Para elo actualmente estase a utilizar unha cámara gopro con conexioón wifi que provoca a perda de moita calidade de imaxe na retransmisión, ademais de retardo na emisión das imaxes. Por estes motivos o Concello adquirirá dúas novas tarxetas capturadras para que recollan as entradas HDMI con vídeo e audio e pasen o sinal ao ordenador, realizando deste xeito a produción e transmisión en directo das imaxes de modo que cheguen á cidadanía coa maior calidade e en tempo real.

Por último, o Concello mercará un ordenador portátil solicitado pola Policía local para darlle unha maior operatividade aos diferentes trámites que vén desenvolvendo rutinariamente o corpo.