O Concello de Lalín solicita a suspensión temporal dos permisos de corta na zona de afección da Fraga de Catasós

O cese demándase ata que se resolvan as alegacións ao plan de conservación do monumento natural, co fin de evitar eliminación de árbores no entorno de protección
Por o 28/02/2018 | Sección: Galicia
O Concello de Lalín solicita a suspensión temporal dos permisos de corta na zona de afección da Fraga de Catasós

A concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, informa de que o Concello de Lalín vén de remitirlle á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio unha solicitude para que se proceda á suspensión temporal dos permisos de corta na zona de afección do entorno ecolóxico da Fraga de Catasós ata que se resolva o expediente do plan de conservación do monumento natural.

Como explica a titular de Medio Ambiente, esta solicitude formúlase tras seren remitidas polo Concello as alegacións correspondentes ao documento preliminar do Plan de Conservación da Fraga de Quiroga, nas que o Goberno propuxo diversas cuestións relacionadas coa ampliación da zona de protección. En concreto, o Concello demandou nas súas achegas a ampliación da protección á zona clasificada polo PXOM como solo rústico de especial protección de áreas de interese paisaxístico e de solo de especial protección forestal, así como a ampliación ao espazo natural lindeiro que está en proceso de aprobación para a creación do ENIL da Fraga de Casas Vellas e que se une con este espazo polo corredor ecolóxico formado polo Rego de Quintela, chegando así a unha superficie protexida aproximada de 135 hectáreas.

“Esta proposta de ampliación” -indica a concelleira- “remitiuse xa que non entendemos que o plan de conservación publicado pola Xunta simplemente contemple a protección do monumento natural sen protexer o seu entorno, aspecto inprescindible debido á interacción cos sistemas biolóxicos presentes nel como flora e fauna que tamén comparten os espazos periféricos onde a perda ou degradación destas zonas repercutiría directamente na Fraga de Catasós, xa que forman unha unidade biolóxica”. “Porén” -engade- “dende a área municipal de Medio Ambiente  solicitamos a necesidade de que os permisos de corta expedidos pola Xunta  que se autoricen na zona de  afección da Fraga de Quiroga sexan suspendidos temporalmente ata que se resolvan definitivamente as alegacións presentadas ao plan de conservación co fin de salvagardar a supervivenza das árbores singulares, especialmente carballos e castiñeiros, xa que de seguir realizando cortas pódese perder biodiversidade no entorno do monumento, o que lle afectaría gravemente”.