O Concello de Mos dálle ao Club Louro-Tameiga a boa nova da renovación do céspede artificial no Campo de Fútbol de Cototorrón

A mellora é necesaria para garantir a seguridade e o rendemento da práctica deportiva
Publicado por o día 05/04/2017 na sección de Deportes,Galicia,Mos,Vigo

O Concello de Mos dálle ao Club Louro-Tameiga a boa nova da renovación do céspede artificial no Campo de Fútbol de Cototorrón

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Deportes mosense, Alberto Méndez, visitaron o Campo de Fútbol de Cototorrón para anunciarlle á directiva do Club Louro-Tameiga e aos seus xogadores e xogadoras que se acometerá o proxecto de substitución do céspede artificial para o que o Concello solicitou á Deputación de Pontevedra unha axuda de 120.000 euros con cargo ao Plan Concellos 2017.

A este respecto a rexedora local lembrou que antes na Deputación había unha partida específica para campos de fútbol que agora non existe e esas melloras teñen que asumilas agora os Concellos. “Antes na Deputación había para todo e agora non, o orzamento provincial destinado aos Concellos descendeu en 20 millóns de euros respecto do goberno anterior; e xunto co de Cototorrón existen na provincia de Pontevedra outros 12 de campos de fútbol máis que necesitan cambio de tapete, ademais en pouco tempo dita renovación terá que facerse tamén no Campo das Baloutas…”, explica Arévalo. Por iso o goberno local mosense decidiu acometer esta mellora en Cototorrón solicitando unha subvención con cargo ao Plan Concellos, xa que no Club Louro-Tameiga xogan máis de 300 nenos e nenas que precisan adestrar e disputar os partidos nun tapete de herba artificial que se atope en óptimas condicións.

O Campo de Fútbol de Cototorrón foi construido pola anterior Deputación no ano 2003, que no ano 2015 lle acometeu tamén unha ampliación e mellora dos vestiarios. Agora o campo precisa da renovación do céspede artificial para o que a nova Deputación xa non ten partida. Por iso, e para dar servizo e seguridade aos centos de rapaces e rapaces que usan estas instalacións deportivas, o Concello de Mos decidiu incluir esta actuación no Plan Concellos 2017 da administración provincial e solicitar unha axuda para este fin con cargo ao devandito plan.

O proxecto de substitución do céspede artificial do Campo de Fútbol de Cototorrón ten como principal actuación a susbtitución do actual céspede, moi envellecido e en mal estado, por un novo de última xeración. O actual céspede foi instalado hai máis de dez anos, e debido ao seu uso intensivo, presenta unhas condicións de práctica que fan necesaria unha instervención para substituír dito pavimento deportivo e adecualo ás necesidades que garantan un adecuado rendemento deportivo, evitando lesións inoportunas aos deportistas e á súa vez mellorando as prestacións deportivas do solo.

Previamente á redacción do proxecto de reposición do pavimento deportivo mediante unha nova moqueta de céspede artificial, técnicos municipais visitaron o espazo no que se vai a levar a cabo a actuación, co fin de verificar o estado do mesmo, apreciando anomalías tales coma que a fibra do céspede presenta un desgaste por desfibrilación moi importante, existen varias zonas do campo con reparacións moi deterioradas e as xuntas de unión dos panos da moqueta do céspede están moi remarcadas e despegadas, a punto de abrirse. É por elo que o estado que actualmente presenta dito pavimento pode provocar lesións nos deportistas, baixar o seu rendemento durante o desenvolvemento do xogo e dificultar a práctica do mesmo; defectos que demostran que o actual sistema de céspede artificial instalado no Campo de Fútbol de Cototorrón rematou o seu ciclo de vida, facéndose necesaria a súa substitución inminente. Unha vez iniciados os traballos de reposición do tapete, estes terán un prazo de execución de catro semanas.