O Concello de Mos entregou as axudas municipais para o servizo de comedor escolar, realización de actividades extraescolares e adquisición de material

Os beneficiarios foron as familias con fillos que cursan segunda etapa de Educación Infantil e/ou calquera curso de Primaria
Publicado por o día 03/04/2017 na sección de Galicia,Mos,Vigo

O Concello de Mos entregou as axudas municipais para o servizo de comedor escolar, realización de actividades extraescolares e adquisición de material

O Concello de Mos apoia á comunidade escolar mosense, tanto aos nenos e nenas coma ás súas familias. A administración local mosense ven de conceder unha serie de axudas relativas ao curso 2016/2017. Trátase das subvencións para o uso do servizo de comedor escolar, para a realización de actividades extraescolares e para a adquisición de material escolar.

En total beneficiáronse destas tres axudas 88 nenos e nenas mosenses e nelas o Concello investiu 8.147,33 euros.

Estas subvencións ían dirixidas ás familias do alumnado de segunda etapa de Educación Infantil e tódolos cursos de Educación Primaria dos Colexios Públicos do Concello de Mos.

Os beneficiarios/as das axudas para comedor escolar foron un total de 40, 12 os beneficiarios/as das subvencións para a realización de actividades extraescolares e 36 para a adquisición de material escolar.

Estas tres subvencións son axudas anuais que o Concello de Mos saca para as familias do alumnado, de Educación Infantil e Primaria dirixidas á compra de material escolar, considerado este como aquel necesario para realizar as actividades que se desenvolvan ou se promovan no centro docente, como cadernos de soporte, material de papelería non reutilizable ou material de manualidades, excluíndo expresamente os libros de texto que sexan  subvencionados ou cedidos por outras administracións; para a utilización do servizo de comedor e para a realización de actividades extraescolares.

Para a concesión destas axudas valoráronse os ingresos das familias. Os ingresos económicos que se computaron para a puntuación á hora de optar a estas axudas foron os dos seis primeiros meses do ano 2016. Para a concesión das mesmas tívose en conta o número de membros e a renda per cápita da familia, partindo do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Ecucación e Participación Cidadá mosense, Kely Monzón, e a de Política Social, Sara Cebreiro declaráronse “satisfeitas destas tres axudas municipais implantadas pola administración local para apoiar ás familias e asegurar que ningún cativo de Mos quede sen poder ir ao comedor escolar ou a actividades extraescolares por motivos económicos familiares; e por suposto que ningunha familia se vexa imposibilitada económicamente á hora de mercarlle o material escolar aos seus fillos/as”.

Deste xeito o goberno local mosense segue a consolidar o seu apoio ás familias e a demostrar que é o goberno das persoas.