O Concello de Mos, moi concienciado coa seguridade viaria, vólcase na humanización da Avenida de Puxeiros

Acometerase o tramo dende a rotonda de enlace coa estrada Puxeiros-Mos e a ligazón coa A-55 e estúdase a posible acometida do tramo que vai da glorieta que conecta coa estrada Puxeiros-Peinador ata a conexión coa AP-9
Por o 12/04/2017 | Sección: Galicia,Mos,Vigo
O Concello de Mos, moi concienciado coa seguridade viaria, vólcase na humanización da Avenida de Puxeiros

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Vías e Obras, Luis Alonso, aportaron hoxe datos técnicos respecto de obra de humanización que se vai acometer na Avenida de Puxeiros, entre a glorieta da estrada Puxeiros-Mos e o acceso á Autovía A-55 no punto quilométrico 9.

A Avenida de Puxeiros é un tramo da antiga estrada nacional N-120, cedida por Fomento ao Concello de Mos. Atópase humanizada parcialmente, entre a glorieta da que parten a EP-2603 (Puxeiros-Peinador) e a EP-2604 (Puxeiros-Rebullón) e a glorieta da que parte a EP-2601 (Puxeiros-Mos).

O Concello de Mos, segundo declararon os representantes municipais Arévalo e Alonso, “está concienciado sobre a necesidade de aumentar a seguridade viaria e humanizar os tramos de vías municipais que discorren polos núcleos máis urbanos. Por iso, para dar continuidade ao tramo urbanizado existente, tomouse a decisión de realizar a humanización do tramo que vai desde a ligazón coa A-55 no punto quilométrico 9 e acaba na glorieta da que parte a Estrada Puxeiros-Mos (EP-2601) e a Rúa Ludeiro, ao norte (PK 0+468)”.

O ámbito de actuación, ao sur do tramo urbanizado da Avenida de Puxeiros, actualmente carece de beirarrúas e ten unha iluminación pobre, nun tramo cun tráfico denso, ao servir de acceso á A-55 quilómetro 9 para algúns dos polígonos industriais da zona. Por iso, para mellorar a seguridade viaria dos peóns e dos usuarios da vía, as actuacións inclúen principalmente a humanización deste tramo da Avenida de Puxeiros, mediante a ordenación de espazos. Desta forma créanse itinerarios peonís máis seguros, con novas beirarrúas (marxe oeste) e sendas a nivel (marxe este).

Así mesmo, proxéctase un novo muro de pedra na marxe oeste, para conter a citada beirarrúa. E como obras complementarias que aumentan a seguridade viaria incluiranse a mellora da iluminación (farois con leds de baixo consumo), adecuación da drenaxe aos novos pavimentos, creación dunha mediana que se axardinará para urbanizar esta contorna, execución de pasos de peóns elevados e nova sinalización horizontal e vertical, entre outras.

O investimento previsto é de 261.858 euros e o prazo de execución prevese en 3 meses.

A alcaldesa, Nidia Arévalo, informou de que próximamente, despois de Semana Santa, convocarase unha reunión dirixida a toda a veciñanza de Puxeiro e arredores para presentar este proxecto. Arévalo explicou a este respecto que con dita xuntanza clausurarase a ronda de reunións polas parroquias iniciada polo goberno local a principios de ano. Na parroquia de Tameiga xa se celebraron os encontros en San Eleuterio e Costoias, quedando pendente o de Puxeiros porque a intención era levar este proxecto para proceder á súa presentación, exposición e explicación aos veciños da zona. Agora que xa se teñen todos os datos para facelo, realizarase tras os próximos días festivos.

Posible humanización do tramo ata o enlace coa AP-9

Así mesmo a rexedora local mosense anunciou que dende o Concello de Mos estase a estudiar a posibilidade de acometer a humanización da Avenida de Puxeiros, entre a glorieta da estrada Puxeiros-Peinador e a glorieta de ligazón de saída da AP-9.

Non existe proxecto aínda, xa que depende do desenvolvemento do tramo inicial por parte de promoción privada (a fábrica madeireira, que se vai a demoler), pero a administración local mosense xa elaborou unha infografía de como podería quedar a zona.

INFOGRAFIAS