O concello de Nigrán adxudica a contratación do servizo de grúa municipal a ‘MIRANDA COSTAS S.L’ por 12.400 € ao ano durante catro anos

Tres empresas presentaron as súas ofertas, que partían dun orzamento base de licitación de 15.730 €/ano
Por o 16/02/2018 | Sección: Galicia,Nigrán
O concello de Nigrán adxudica a contratación do servizo de grúa municipal a ‘MIRANDA COSTAS S.L’ por 12.400 € ao ano durante catro anos

“O obxectivo é darlle estabilidade a este servizo ante a dificultade que supón cubrilo ao cen por cen todo o ano con persoal contratado a través do Plan Concellos da Deputación e o custo engadido que implica recurrir puntualmente a empresas”, resume o alcalde, Juan González.

A empresa de Baiona ‘Miranda Costas S.L’ será a encargada de prestar o servizo de grúa municipal no Concello de Nigrán durante os vindeiros catro anos tras resultar adxudicataria do concurso. A oferta presentada, de 12.400 €/ano, resultou a máis competitiva das tres presentadas, que partían dun orzamento base de 15.730 €/ano.

“O obxectivo é darlle estabilidade a este servizo ante a dificultade que supón cubrilo ao cen por cen todo o ano con persoal contratado a través do Plan Concellos da Deputación e o custo engadido que implica recurrir puntualmente a empresas cando estes traballadores non están”, resume o alcalde, Juan González, quen aclara que a curto prazo resulta inviable municipalizar a grúa “porque o Concello de Nigrán non dispón de ninguna praza de operario municipal habilitada ao respecto e, debido a actual lei estatal de Estabilidade Orzamentaria, tampouco a podemos crear”. Por este motivo, finalmente o Concello de Nigrán aposta por externalizar o guindastre para poder ofrecelo con maior calidade, absoluta regularidade e cun menor custe económico.

Tal e como estipulan as bases, o horario de prestación do servizo contratado será de luns a domingo de 08:00 a 23:00 horas durante os meses

de xuño a setembro e, no horario restante e nos meses restantes, mediante demanda sen poder superar o tempo de resposta os 15 minutos. A maiores inclúense 50 horas anuais de traballo presencial (fora dos horarios citados) previa petición da Xefatura da Policía Local de Nigrán. No horario presencial poderá ser requirida para labores como traslado de vallas e sinalización ou retirada das mesmas, e nos casos de emerxencia fora de horario para asuntos da Policía Local de delimitar ou sinalizar zonas perigosas.

O prezo por retirada de vehículo con desprazamento ao depósito fora do horario e excluídas as 50 horas presenciais a maiores será de 80 € +IVE (por infracción) e de 40 €+IVE por enganche sen cargo de guindastre.

Finalmente, o contrato tamén incide en que o Concello de Nigrán será quen proporcione a grúa co uso e mantemento ao día, facéndose cargo a adxudicataria dos gastos de combustible, seguro obrigatorio e de verificar o seu correcto mantemento (as avarías que xordan por falta da verificación e por uso indebido non imputable ao desgaste normal correrán a conta da empresa).

“En definitiva, coa súa contratación teremos un mellor servizo, totalmente normalizado, e cun menor custe para as arcas municipais”, sintetiza o rexidor.