Concello de Nigrán anima a “vestir” de loito os escaparates como parte dunha campaña de rexeitamento á violencia contra mulleres

“Nigrán en negro” é unha iniciativa de denuncia e sensibilización social contra a violencia de xénero que se desenvolve, a súa vez, en máis de 70 concellos de toda Galicia no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Publicado por o día 06/11/2017 na sección de Galicia,Nigrán

Concello de Nigrán anima a “vestir” de loito os escaparates como parte dunha campaña de rexeitamento á violencia contra mulleres

O Concello de Nigrán anima a comerciantes e hostaleiros do municipio a participar os próximos 24 e 25 de novembro na campaña de sensibilización cidadá #EnNegroContraAsViolencias que se levará a cabo en máis de 70 concellos de Galicia con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Baixo o lema “Nigrán en Negro” o Concello propón “vestir” de loito os escaparates, maniquíes, mesas dos restaurantes ou mesmo o propio persoal traballador en sinal de dor por tódalas mulleres que sofren violencia ou que faleceron por mor dela. Así, o Centro Comercial A Ramallosa Siglo XXI xa confirmou a súa participación, a Asociación de Comerciantes Ovalmi colaborará tamén difundindo esta iniciativa entre os seus asociados e diversos centros educativos tamén se sumarán. "Os establecementos comerciais e hostaleiros son os grandes protagonistas das nosas rúas, por iso precisamos a participación de todos, queremos mandar unha mensaxe unánime á veciñanza de denuncia e solidariedade, queremos un Nigrán libre de violencia", reflexiona o alcalde, Juan A. González.

Tódolos establecementos participantes aparecerán xeolocalizados na web da campaña www.ennegrocontraasviolencias.gal e o Concello entregará aos mesmos material promocional. Aquel negocio que desexe participar pode facelo enviando un mail a [email protected] cos datos do establecemento e da persoa de referencia ou telefoneando pola mañá ao Centro de Información ás Mulleres (986383081) agás o martes, que debe ser pola tarde.

O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres convidando aos diferentes gobernos a desenvolver actividades para sensibilidar á poboación. O Concello de Nigrán súmase ano a ano a esta petición levando adiante diferentes campañas que teñen en común o rexeitamento absoluto da violencia de xénero. Nesta ocasión, “Nigrán en negro” quere funcionar como símbolo de dor por tódalas mulleres que sofren maltrato ou son asasinadas, só dende 2003 a maio de 2017 rexistráronse 53 asasinatos machistas en Galicia e 780 en toda España.

Compre recordar que dende o Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello de Nigrán (sito en Estrada pola Vía, 65) ofrécese un servizo gratuíto de atención e asesoramento ás mulleres vítimas de violencia onde se informa e axuda cos recursos existentes (servizos policiais, sanitarios, psicolóxicos, xurídicos e sociais) garantizando sempre a máxima confidencialidade e anonimato.