Concello de Nigrán e IEM poñen fin ao mes da memoria coa presentación do libro “Os nomes do terror”

Terá lugar mañá martes ás 20:00 horas no Auditorio Municipal.
Publicado por o día 06/11/2017 na sección de Cultura,Galicia,Nigrán

O Concello de Nigrán pon fin ao mes de “Nigrán a través da Memoria” coa presentación mañá martes 7 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal do libro “Os nomes do terror. Galiza 1936”, coa presenza de varios dos seus autores. Esta obra constitúe o primeiro achegamento sistemático ao estudo dos represores en Galicia que racha con este tabú nos traballos da memoria histórica e pon en negro sobre branco os nomes, as causas e as metodoloxías usadas polo terror. O acto, organizado xunto ao Instituto de Estudos Miñoranos, estaba previsto para o martes 17 de outubro pero foi posposto debido á declaración de loito oficial no Concello de Nigrán.

Coordinado polos historiadores Xosé Ramón Ermida, Dionisio Pereira, Eliseo Fernández e Xoán Carlos Garrido, nel participan moitos dos principais investigadores desta época en Galicia, como Emilio Grandío, Carlos Nuevo Cal, Bernardo Máiz, Xosé Álvarez, Manuel Pazos, Judith Carbajo, Ana Cebreiros, Carlos F. Velasco ou Julio Prada. Nesta presentación porase especial atención no acontecido no Val Miñor.