O concello de Nigrán emprende un programa integral para maiores de prevención do deterioro cognitivo

Dende o 18 ao 26 de xaneiro abre o prazo de inscrición para o obradoiro de expresión corporal e actividades socio-relacionais e o outro de estimulación da memoria en dúas quendas. Ademáis, se ofrece un curso de informática
Publicado por o día 17/01/2018 na sección de Galicia,Nigrán

O concello de Nigrán emprende un programa integral para maiores de prevención do deterioro cognitivo

O Concello de Nigrán reforza nesta nova edición o programa integral para a prevención do deterioro cognitivo dirixido a maiores de 60 anos empadroados no municipio. Este desenvolverase no Centro da Terceira Idade de A Ramallosa de febreiro a xuño e de outubro a decembro, ofrecéndose por unha banda un obradoiro expresión corporal e actividades socio-relacionais e, por outra, un de estimulación da memoria que, por vez primeira, se amplía a dúas quendas. A maiores, ofrécese novamente o curso de informática para maiores os martes e xoves en horario de mañá e no mesmo sitio. Os interesados en participar nestes obradoiros poden inscribirse dende mañá 18 de xaneiro ao 26 de xaneiro no Departamento de Servicios Sociais do Concello de Nigrán pedindo cita previa (986365000), terán prioridade as persoas que non participaron en anos anteriores. Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioros cognitivos e neles se basa este programa que ofrece o Concello de Nigrán en colaboración coa Deputación de Pontevedra.

O caracter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar

ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, como este tipo de cursos, turismo social, bailes para eles e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.

O primeiro ‘ACTIVAMENTE: taller de estimulación de memoria’ é un programa para estimular e acadar un uso activo dos procesos cognitivos que interveñen na memoria, co obxecto de mellorar a mesma e de prever posibles problemas que en moitos casos se deben principalmente á falta de actividade mental. Este será de febreiro a xuño e de outubro ao 21 de decembro, os martes de 17:30 a 19:00 (Iniciación) e os xoves de 16:30 a 19:30 (Mantemento, en dúas quendas para poder ofrecelo a dous grupos).

O segundo: “Vivir o corpo: exercicios corporais para persoas maiores” promove a actividade física e corporal, (movilidade articular, fortalecemento muscular, equilibrio, expresión corporal, recoñecemento do esquema corporal, flexibilidade, ritmo…) a través de técnicas que favorecen a saúde e estimulan directamente os procesos cognitivos asociados á memoria, como a atención, a concentración, a organización espacial, a relaxación. Este será martes e xoves de 9:30 a 10:30 horas. de febreiro a xuño e de outubro ao 21 de decembro.

Estes dous obradoiros, sumado ao de informática, proporcionan tamén as persoas maiores a participación en actividades socio-relacionais que son tan necesarias.