Concello de Nigrán recurrirá o expediente sancionador da Xunta pola contaminación puntual en Praia América

Medio Ambiente comunicou o 9 de agosto un resultado negativo nas analíticas de auga en Praia América, reparando o Concello a avaría causante deste problema na mesma tarde do día 9.
Por o 30/08/2017 | Sección: Galicia,Medio Ambiente,Nigrán
Concello de Nigrán recurrirá o expediente sancionador da Xunta pola contaminación puntual en Praia América

O Concello de Nigrán recurrirá o expediente sancionador iniciado pola Xunta de Galicia polo episodio puntual de contaminación o día 9 en Praia América.

O Concello de Nigrán recibiu o 9 de agosto a comunicación de que os análises microbiolóxicos realizados por técnicos da Xunta de Galicia na zona o 7 de agosto evidenciaban un episodio de contaminación. Esta comunicación foi recibida no Consistorio vía fax a última hora de mañá do día 9, procedéndose inmediatamente dende o Concello a buscar o causante do problema na rede de colectores de saneamento. En cuestión de horas foron detectadas e subsanadas as dúas avarías causantes: por un lado un atasco puntual na rede de saneamento no entorno de Gaifar (solventado ás 17:00 horas) e por outro un verquido á red de pluviales do SAU 3 (solventado ás 20:00 horas). O Concello de Nigrán, a través da empresa concesionaria Aqualia, realiza analíticas na zona o xoves 10 de agosto a mediodía que confirman que o episodio está solventado. Eses resultados satisfactorios os avalan posteriormente as analíticas realizadas ese mesmo día polos farmacéuticos da Xunta, pois o propio organismo autonómico da por finalizado oficialmente o episodio o día 11. En resumen: a Xunta pide o día 11 que se poñan cartéis informando pero os seus propios análises do día 10 certifican que xa non hai contaminación e que a auga é apta para o baño, so 2 horas despois desta petición (ás 14:04 horas) dan por concluído o episodio con outra comunicación oficial na que indican que se poden retirar os cartéis.

“A realidade é que a Xunta é coñecedora duns análises negativos o día 7 de agosto e tarda dous días en comunicar ao Concello eses resultados, unha tardanza que nos sí consideramos inxustificada e, sobre todo, neglixente”, sinala o alcalde, Juan González, quen considera “ilóxico e incongruente” que se sancione o Concello por non ter informado con carteis deste episodio "cando o Concello non é consciente ata o día 9 de agosto do sucedido”. “A Xunta reclamou o día 11 ás 12:30 horas que se colgasen cartéis prohíbindo o baño, comunicando oficialmente só 2 horas despois a finalización do episodio. A realidade é que o Concello atallou en menos de 5 horas o problema, tal e como certifican os análises de Xunta e Aqualia, mentras que dende a Xunta foron preciso máis de 48 horas para simplemente remitirnos uns resultados negativos”, resume.

“Por riba de todo ten que quedar claro que Praia América ten unha calidade de auga excelente, é certo que houbo un problema pero foi puntual e se solventou en cuestión de horas, como certifican a propia Xunta nas súas analíticas”, insiste o alcalde.

Dende o goberno local se considera que a actuación da Xunta responde a motivos estrictamente políticos e partidistas. “Non é cuestión de sinalar, pero todos somos coñecedores de graves problemas de verquidos noutras praias de outros municipios e aí miran para outro lado”.