O Concello de Nigrán súmase ao centro Juan Marían para festexar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Publicado por o día 27/11/2017 na sección de Eventos,Galicia,Nigrán,Vigo

O Concello de Nigrán súmase ao centro Juan Marían para festexar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

“Baixo o mesmo paraugas” é o lema escollido para este ano nunha semana chea de actividades que culmina o domingo no Náutico de Vigo.

O Concello de Nigrán colabora un ano máis co Centro Juan María de Parada (Nigrán) para festexar o “Día Internacional das Persoas con Discapacidade”, que ten lugar o domingo 3 de decembro co lema “Baixo o mesmo paraugas”. Así, responsables e usuarios do centro entregaron hoxe ao alcalde de Nigrán carteis e paraugas verdes alusivos á campaña (que quedaron colgados no balcón da Casa Consistorial). Durante esta semana visitarán os centros educativos do Val Miñor e o xoves e venres repartirán máis de 300 pequenos paraugas de fieltro que elaboraron eles mesmos co obxectivo de regalar á xente a cambio de que lles entregue “desexos” sobre a discapacidade. As actividades desta semana conclúen o domingo na explanada do Náutico de Vigo, onde se celebrará a “gran paraugada” na que participan máis dunha decena de entidades de toda a comarca.

Desde 1992, cada 3 de decembro celébrase mundialmente o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Este ano céntrase en promover os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable necesarios para acadar o futuro que queremos e en destacar o papel que desempeñan estes obxectivos recentemente establecidos na construción dun mundo máis inclusivo e igualitario.