Concello de Nigrán súmase á “Parranda de San Pedro” no seu cen aniversario de peregrinaxe a Morgadáns

Preto de mil persoas se uniron a este multitudinario grupo na súa tradicional camiñata de 9 km dende A Ramallosa a Morgadáns (Gondomar) para festexar o San Roque.
Publicado por o día 16/08/2017 na sección de Cultura,Galicia,Nigrán

Concello de Nigrán súmase á “Parranda de San Pedro” no seu cen aniversario de peregrinaxe a Morgadáns

Preto de 1.000 persoas se sumaron este ano á popular “Parranda de San Pedro” na súa camiñata número 100 dende A Ramallosa a Morgadáns (Gondomar) para festexar o San Roque. Neste aniversario tan especial, o Concello de Nigrán colaborou poñendo a Charanga OT, que animou os 9 quilómetros de andaina, como xa é tradición.

O multitudinario grupo de peregrinaxe, formado fundamentalmente por xente de Vilariño pero tamén doutras parroquias de Nigrán, reuniuse ás 9.00 da mañá fronte ao Ekomax de A Ramallosa, onde tras botar os consabidos foguetes, saíu ás 9.30 horas. Catro tractores e un camión completamente engalanados con flores cargaron aos nenos e maiores, as viandas e o viño, mentras que outro vehículo levou nunha plataforma unha empanada de 3×4 metros e 80 kilos de peso donada polo obrador nigranés Tupana (todos os que mercaron a camiseta deste ano puideron degustala a súa chegada ao mediodía a Morgadán). A comitiva foi acompañada durante todo o traxecto pola Policía Local de Nigrán e despois a de Gondomar.

“É unha tradición moi arraigada en Nigrán que dende o goberno queremos preservar e fomentar”, explica o alcalde, Juan González, quen tamén fixo o camiño dende o inicio.

A directiva da parranda, tras investigar entre os máis vellos do lugar, averiguou o ano pasado que este 16 de agosto cumplirían cen anos de tradición. Unha das testemuñas máis antigas desta costume data de 1928, cando José Gil a incluíu no seu documental para a Unión de Hijos de Morgadanes de Montevideo titulado “Nuestras fiestas de allá”, dispoñible en youtube grazas a restauración de 1999 do Centro Galego de Artes da Imaxe.

Ao igual que se aprecia nese vídeo, hoxe os veciños de Morgadáns aplaudiron a chegada dos da Parranda de Nigrán, que deron dúas voltas á igrexa antes de entrar para a Misa Maior.

Na parroquia de Vilariño sinalan a un home chamado Dionisio como o fundador da parranda en 1917, personaxe do que descoñecen o apelido pero que, aseguran, tivo 40 fillos con diferentes viúvas por mor da Guerra Civil.

Naqueles anos, a parranda estaba integrada por unha vintena de familias (sobre 100 persoas) nas que as mulleres levaban a comida en patelas na cabeza e os homes os garrafóns de viño, sempre acompañados por gaiteiros todo o camiño.