Concello de Nigrán sustitúe as 27 farolas da rúa Arquitecto Palacios de Panxón por unhas novas de iluminación led

O investimento de preto de 40.000 euros conta cunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental e supón unha mellora na eficiencia enerxética e calidade ambiental.
Publicado por o día 22/10/2017 na sección de Galicia,Nigrán

Concello de Nigrán sustitúe as 27 farolas da rúa Arquitecto Palacios de Panxón por unhas novas de iluminación led

O Concello de Nigrán ven de sustituír as 27 farolas da rúa Arquitecto Palacios de Panxón por unhas novas de iluminación led por importe de 39.266 € subvencionado no 80% polo Fondo de Compensación Ambiental.

O obxectivo deste troco é mellorar a eficiencia enerxética e a calidade ambiental, xa que as antigas luminarias daban problemas ao sobrepasar o fin da súa vida útil, afectando ao seu rendemento, calidade e consumo e supoñendo isto un aumento das emisións de CO2. Neste sentido, o goberno de Nigrán consideraba prioritario o cambio da iluminación nesta rúa ao atopárse en pésimo estado pese a ser un vial estratéxico que une o Centro de Saúde co Pavillón e ser empregado por milleiros de veciños e turistas cada día.

A actuación supuxo a substitución dos báculos de aceiro galvanizado que xa estaban oxidados por uns novos que incorporan o escudo do Concello de Nigrán; substitución das luminarias actuais de vapor de sodio por outras novas de tecnoloxía LED de menor potencia e regulación de fluxo; e finalmente, substitución do cadro de alumeado incluíndo un reloxo astronómico dixital que cada semana regula automáticamente as horas de acendido e apagado en función da posta e saída do sol. O antigo alumeado resultaba obsoleto, sobreiluminaba a rúa e non aproveitaba correctamente os recursos enerxéticos ao ter excesiva potencia instalada e desaproveitar a luz diurna (o control era analóxico, acendéndose e apagándose a unhas horas fixas todo o ano).

A esta renovación hai que sumarlle os 8.712 euros achegados a través do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra para o recente cambio das farolas dos paseo marítimo de Panxón por novas con tecnoloxía LED, as antigas, tamén de vapor de sodio, presentaban avarías continuamente ao concluír a súa vida útil.

“O cambio a LED supón un importante aforro enerxético e ofrece unha imaxe moderna no municipio”, indica Rial. De feito, como xa se fixo en todo o centro urbano, a nova medida suporá reducir a potencia de consumo entre o 51% e o 80 %, o que ao mesmo tempo implica diminuír as costas de funcionamento das instalacións de iluminación pública e, sobre todo, permítelle ao Concello optimizar o gasto enerxético e de mantemento neste eido, xa que unha lámpada de vapor de sodio ten unha vida media útil de 12.000 horas e unha de LED entre 50.000 e 100.000 horas.