O Concello non vai cobrar a auga usada para extinguir os incendios da fin de semana

Os vigueses non terán que pagar a auga utilizada para extinguir os incendios, tal e como avanzou o rexedor nunha rolda de prensa na que tamén deu conta do inicio dos traballos de avaliación das consecuencias do lume para o que se reunirá con representantes das comunidades de montes e das asociacións de veciños das zonas afectadas.
Publicado por o día 18/10/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello non vai cobrar a auga usada para extinguir os incendios da fin de semana

O alcalde avanzou esta mañá que o Concello non vai cobrar a auga usada para extinguir os incendios, tendo en conta, explicou, que os veciños obtiveron auga desde domicilios, fincas privadas, negocios, establecementos ou empresas para apagar os lumes. Nesas horas consumíronse 8.674 m3 de auga máis do habitual, o equivalente a 1.000 camións medios de bombeiros e un 12,5% por riba do consumo promedio. Este desconto aplicarse a través dun programa informático e habilitarase un número de teléfono na OMIC (Oficiña Muncipal de Información e Consumo) para atender eventuais reclamacións.

Por outra banda, proseguiu Caballero, o goberno local xa está iniciando a avaliación dos danos e mañá xoves está prevista unha reunión cos presidentes de montes en mancomún, á que seguirán encontros coas asociacións de veciños das zonas afectadas. Unha vez controlada a situación, apuntou, é momento de empezar a traballar para que esta situación non volva repetirse e para buscar fórmulas que traten de reparar o dano causado. Neste punto e tendo en conta as previsións de choiva, descartou que neste momento poida producirse o arrastre de cinzas ao Embalse de Eiras aínda que insistiu en que se vai estremar a vixiancia sobre os posibles efectos colaterais dos lumes. En todo caso, a auga que chega aos domicilios vigueses “pasa por unha potente potabilizadora” polo que non hai risco para o consumo.

Na rolda de prensa desta mañá, tamén reiterou o recoñecemento á cidade polo seu comportamento “heroico e excepcional”, un agradecemento que estendeu aos corpos de bombeiros e de policía, así como á Protección Civil. Tivo unha lembranza especial para o veciño que perdeu a súa vida tratando de apagar un lume e lembrou que onte no enterro trasladou a súa familia o apoio e o agarimo de toda a cidade. Unha vez máis, referiuse á “extraordinaria solidariedade compartida” e á mobilización cidadá que conseguiu que os pequenos incendios estiveran controlados ata a chegada dos bombeiros para a súa extinción definitiva. O alcalde tamén tivo palabras de agradecemento para o presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, así como para os líderes do PSOE e de Podemos, Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, por achegarse a Vigo para visitar as zonas afectadas. Asimesmo, Caballero referiuse ao “senfín” de chamadas de solidariedade e de ofrecemento de colaboración que recibiu desde alcaldes e alcaldesas de toda España así como da presidenta de Andalucía, quen ofreceu medios aéreos de extinción, ou do Concello de Pontevedra desde onde chegou un camión de bombeiros.