O Concello pide á Xunta que retire a súa candidatura e apoie Cíes Patrimonio da Humanidade como obxectivo de toda Galicia

Carlos Font reclamou á Xunta de Galicia que retire a súa recente proposta para as Illas Atlánticas e se poña á disposición do Concello “para lograr un obxectivo dos vigueses e de todos os galegos”: a declaración das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade. A candidatura de Vigo ten respaldo social e catro anos de traballo previo.
Publicado por o día 30/05/2017 na sección de Concello de Vigo,Vigo

O Concello pide á Xunta que retire a súa candidatura e apoie Cíes Patrimonio da Humanidade como obxectivo de toda Galicia

O concelleiro censurou este martes o “bochorno” da candidatura autonómica presentada a semana pasada para as Illas Atlánticas, feita pública de forma “clandestina”, e denunciou a “falta de respecto” da Xunta de Galicia aos vigueses e viguesas, pois o Concello de Vigo leva catro anos traballando na candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade da Unesco.

“Sería tremendo”, engadiu Font, que as dúas candidaturas pasasen ao Ministerio de Cultura, polo que instou á Xunta de Galicia a retirar “de inmediato” a súa proposta e a poñerse a disposición do goberno vigués para lograr este recoñecemento para as Cíes. Apuntou o edil que este é un “tema importante para Vigo e para Galicia”, é “un obxectivo dos vigueses” pero tamén “de todos os galegos”, e como tal debe ser atendido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Carlos Font recordou que as candidaturas a Patrimonio da Humanidade parten dos concellos, dos territorios afectados, neste caso da cidade de Vigo. Ademais, reiterou, o Concello leva catro anos con accións de concienciación social -requerida pola Unesco- e a presentación agora da candidatura autonómica é “moi grave” e un “desprecio absoluto” ao traballo previo xa realizado polo goberno vigués.

O concelleiro planteou “subsanar o que se fixo mal” polo que insistiu na petición á Xunta de retirada da súa proposta e apoio á candidatura municipal, “a única candidatura posible”.