O Concello pídelle á Xunta que lle permita mellorar o acceso aos IES Rosais II e República do Uruguai

O alcalde explicou que o goberno de Vigo asumirá as obras de humanización, cun orzamento de 250.000 euros, ante a falta de resposta da Xunta para arranxar un “gravísimo problema de seguridade”.
Por o 05/05/2017 | Sección: Concello de Vigo,Vigo
O Concello pídelle á Xunta que lle permita mellorar o acceso aos IES Rosais II e República do Uruguai
Compartir en:

Abel Caballero deu conta este venres do envío dunha misiva ao presidente da Xunta pedíndolle permiso para reformar os accesos aos institutos de Ensino Secundario Rosais II e República Oriental do Uruguai que “teñen un gravísimo problema de seguridade”. O Concello farase cargo da obra de humanización, que ten un orzamento de 250.000 euros, para resolver os problemas de seguridade que se producen nestes momentos.

Segundo explicou, na entrada e saída dos centros conflúen autobuses e estudantes que chegan a pé nun espazo sen beirarrúas, na propia estrada e sobre o asfalto, algo que para o rexedor é “intolerable e un fallo de seguridade gravísimo”. O Concello de Vigo escribiulle en varias ocasións ao goberno autonómico para que o arranxara pero “non responderon” e “non queremos que siga habendo estes riscos”.

Caballero criticou que a Xunta non asuma as súas competencias en Vigo, en materia de educación e de estradas, e que teña que ser o Concello quen se faga cargo destas obras. Como exemplo, citou o investimento municipal de 600.000 euros este ano na cubrición dos patios dos colexios Carballal, Virxe do Rocío e Canicouva e o arranxo e ampliación do comedor do CEIP García Barbón, entre outros.