O Concello de Pontevedra acorda presentar un recurso na Audiencia Nacional contra a prórroga a ENCE

A paciencia do Concello de Pontevedra da vía administrativa á vía xudicial
Publicado por o día 08/06/2016 na sección de Medio Ambiente,Pontevedra,Vigo

O Concello de Pontevedra acorda presentar un recurso na Audiencia Nacional contra a prórroga a ENCE

A batalla contra a prórroga outorgada a Ence por 60 anos cambia de escenario. A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra acordou interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional contra a decisión do Ministerio de Medio Ambiente de ampliar a concesión da empresa pasteira para operar desde Lourizán ata o ano 2073.

Esta decisión prodúcese despois de que o requirimento previo e da marcha do pasado sábado, requerimento presentado polo goberno municipal o pasado 22 de marzo, non fora contestado por Medio Ambiente. Esgotado o prazo para esta resposta, segundo a lei, enténdese que esta é negativa e o ministerio ratifica a decisión tomada de autorizar a Ence a continuidade na ría de Pontevedra.

O recurso está a ser ultimado polos servizos xurídicos do Concello.

Trátase de cumprir a “manifestación clara” do grupo de goberno porque Ence “non siga aí aínda que a pinten de rosa”, segundo explicou este luns o seu portavoz, Raimundo González. O edil do BNG reiterou que a empresa xera na ría un “grave problema ambiental”, polo que asegurou que “non pararemos ata que saia das marismas de Lourizán”.

Raimundo González sinalou ademais que os movementos que está a realizar a compañía nas últimas semanas, aproximándose a diferentes colectivos e entidades da comarca, é un “brinde ao sol para lavar a súa imaxe”.

Hai tres días o diario PontevedraViva viña a publicar que ENCE propón a 16 asociacións formar un grupo de traballo pola recuperación da ría. “Un espazo de encontro permanente que facilite que as organizacións e colectivos relacionados coa ría reunámonos periodicamente para intercambiar datos, opinións, inquedanzas e propostas”.

É a invitación que Ence enviou por carta a 16 asociacións e colectivos.

A misiva, escrita polo director da pasteira en Pontevedra. Antonio Casal, pretende crear un grupo de traballo permanente que permita mellorar a calidade das augas da ría.

“Demostrouse que o precario das relacións entre nós non beneficia a ninguén e prexudica á ría e, moi especialmente, á calidade das augas e ao marisqueo”, sinala a empresa.

A correspondencia enviouse, segundo Ence, ás tres confrarías do fondo da ría, á Plataforma polo Saneamento da Ría, Asociación de Pescadores Tenlo de Marín, Autoridade Portuaria, Asociación de Hoteis de Pontevedra, Vaipolorrío, APDR, AJE, AEMPE, Cámara de Comercio, Viaqua, Augas de Galicia, Intecmar e a Plataforma Pro-Industria de Pontevedra.

Na carta, a pasteira se comprete a entregar aos colectivos “toda a información da que dispón ou se lle requira relacionada coa súa actividade, proceso de depuración, etc.”.

O Concello ten de prazo ata o próximo 23 de xuño para presentar este recurso. A intención do goberno municipal é levalo ao próximo pleno da corporación para que esta tamén apoie o inicio deste procedemento legal.