O Concello de Pontevedra oferta máis de 50 actividades de formación para os centros escolares

Unha ducia de departamentos municipais propón actividades cada trimestre para achegar aos escolares á vida diaria da cidade ou completar a súa formación
Publicado por o día 11/01/2018 na sección de Educación,Galicia,Pontevedra

O Concello de Pontevedra oferta máis de 50 actividades de formación para os centros escolares

Logo do éxito da oferta educativa que presentou o Concello de Pontevedra aos centros de ensino o pasado ano a través da Concellaría de Educación, neste curso 2017-2018 volveu a elaborar un catálogo de actividades, obradoiros e recursos educativos que cada un dos departamentos municipais ofertan aos colexios dende principios de curso.

Coordinados a través da Concellaría de Educación, que xestiona Carmen Fouces, o propósito deste catálogo é dar unha oferta conxunta e exclusiva. É un catálogo que se vai actualizando rimestralmente, e que se remitirá, polo tanto, nestes días a todos os centros de ensino do concello.

O propósito é contribuír á educación dos escolares achegandoos á vida diaria da cidade a través de servizos como a Policía Local ou bombeiros; ao patrimonio e os recursos naturais como son os roteiros de Normalización Lingüística, de Medio Ambiente Natural ou de Patrimonio Histórico; ou ofrecéndolles recursos para mellorar o seu rendemento escolar e o coñecemento da sociedade na que crecen, como poden ser Pontenciencia ou os obradoiros de prevención de condutas adictivas, entre outras moitas máis propostas.

Son 55 actividades de todo tipo: conferencias, cursos, exposicións, programas de lecer como Noites Abertas, visitas ás instalacións municipais, roteiros, unidades didácticas, teatro… Unha programación que se vai nutrindo cada ano con novas propostas.

As propostas municipais resultan, cada ano, todo un éxito dado que nelas participaron a práctica totalidade dos escolares de infantil e primaria matriculados en Pontevedra, que son arredor de 5.400.