O Concello de Pontevedra unificará Urbanismo e Tesourería nun local de 1.300 metros que mercará en Ferreiros

O local, propiedade de Afundación, ten un custe no mercado de 1,3 millóns, aínda que o prezo está pendente e negociar.
Publicado por o día 30/03/2017 na sección de Galicia,Pontevedra,Vigo

O Concello de Pontevedra unificará Urbanismo e Tesourería nun local de 1.300 metros que mercará en Ferreiros

O Concello de Pontevedra traballa na reasignación de espazos das dependencias municipais, que suporá un cambio profundo na distribución dos servizos e dos espazos municipais, segundo explicou esta mañá o portavoz do Goberno e concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González.

Está prevista a unificación nunha soa dependencia do servizo de Urbanismo, que engloba as áreas de fomento, planeamento, disciplina urbanística, inspección, e multas, distribuídos agora entre os edificios de Churruchaos e o Principal. E tamén está previsto unificar nunha única dependencia Tesourería do que dependen xestión tributaria, inspección tributaria e tesourería. Neste momento estes servizos están distribuídos entre o edificio de inspección da rúa Xofre de Tenorio e no edificio de Michelena 30.

Son 79 postos de traballos os integrados nestes departamentos, que son máis que todo o persoal que agora se aloxa no edificio de Michelena 30.

O propósito desta reordenación é mellorar a atención aos veciños para que teñan concentrada nunha soa dependencia servizos que aborden cuestións similares, sen ter que estar visitando distintos edificios.

Para facer esta unificación, o Concello comprará un local nun entorno próximo, de 1.300 metros cadrados (600 metros na planta baixa e 700 na planta alta), situado no final da rúa Ferreiros con Pardo Bazán. É unha negociación falada cos propietarios do local: Afundación. Caixanova adquirira o inmoble para crear unha residencia da Terceira Idade.

O importe de venta do local é de 1,3 millóns de euros “aínda que agardamos pagar menos”, explicaba Raimundo González quen adiantou que están en conversas coa propiedade.

Neste momento o Concello paga 42.057,60 euros por un local na rúa Xofre de Tenorio onde están situados os servizos de inspección tributaria. Este local deixaríase de pagar e o novo local en propiedade amortizaríase a cargo daquel aluguer nuns 20 ou 25 anos aproximadamente.

O concelleiro de Economía explicou que “a ocasión é boa” dado que outras posibilidades como o traslado do Concello ao edificio de Belas Artes non é posible a medio prazo. Ademais, nun prazo curto de tempo tamén sería preciso facer unha reforma do edificio de Churruchaos que non é accesíbel, e a pesar da futura reforma non collerían todas dependencias que se pretenden trasladar a Ferreiros.

O Concello está en plena tramitación para a compra, pero logo será preciso a reforma e o traslado dos servizos, polo que Raimundo González adiantou que a previsión e que poidan estar os departamentos de Urbanismo e Tesourería nas novas dependencias no prazo dun ano.

Co traslado quedarán espazos valeiros no edificio de Michelena 30, en Churruchaos e no Teatro Principal que se reconsiderarán unha vez que se trasladen os servizos, pero parece claro que é preciso dotar de máis espazos a departamentos como Intervención ou Cultura, así como crear novos postos de traballo que traerán aparellados os fondos europeos DUSI.

Raimundo González adiantou esta  mañá que este é un primeiro paso de futuras reordenacións e reformas que terá que asumir o Concello nas súas dependencias entre as que se atopa a Casa Consistorial, para adaptar os servizos municipais aos novos tempos para unha atención pública de calidade.