O Concello presentará recurso de inconstitucionalidade contra o cofinanciamento das políticas sociais da Xunta

Abel Caballero adiantou que recorrerá pola vía contenciosa a obriga da Xunta ao Concello de Vigo a cofinanciar os centros de día e as escolas infantís autonómicas. Amais, levará a cuestión á FEMP.
Publicado por o día 06/11/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

O Concello presentará recurso de inconstitucionalidade contra o cofinanciamento das políticas sociais da Xunta

O goberno municipal acudirá á vía administrativa, en primeiro lugar, e á vía contenciosa despois propoñendo cuestión de anticonstitucionalidade contra a Lei da Xunta de Galicia que obriga ao Concello a pagar o 30% das escolas infantís e dos centros de día de titularidade autonómica.

“É un escándalo sen precedentes”, apunta o rexedor vigués, porque supón unha diminución da política social da Xunta en Vigo. A cidade debe aboar 205.000 euros para cofinanciar as escolas infantís e 350.000 euros para os centros de día que o goberno autonómico ten na cidade, o que a xuízo de Caballero supón “pagar unha parte da política social da Xunta”.

Ademais, o alcalde anunciou que tratará “este abuso da Comunidade Autónoma de Galicia” na próxima reunión da Federación Española de Municipios e Provincias.