O Concello programa de outubro a decembro 22 funcións de artes escénicas no Auditorio Municipal

O goberno de Vigo presentou este venres a programación de VigoCultura para o último trimestre, 22 propostas de música, danza, teatro e circo pensadas para todo tipo de públicos. Caballero resaltou que os espectáculos do primeiro semestre deste ano rexistraron tanto público como os de todo o 2014 e o 2015.
Publicado por o día 23/09/2016 na sección de Concello de Vigo,Cultura,Vigo

O Concello programa de outubro a decembro 22 funcións de artes escénicas no Auditorio Municipal

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, presentaron este venres a programación municipal de artes escénicas “Vigocultura” que se desenvolverá no Auditorio Municipal do Concello dende o xoves 6 de outubro ao domingo 18 de decembro, ambos inclusive.

Nesta nova tempada, o goberno de Vigo volve apostar por unha liña de continuidade e consolidación de públicos cos mellores espectáculos que circulan dentro e fóra de Galicia. De feito, tal e como informou Caballero, as propostas de VigoCultura no primeiro semestre de 2016 conseguiron máis de 4.000 espectadores, “a mesma cifra que houbo en todo o 2014 e en todo o 2015”, un dato sinala “un éxito moi importante” e revela que a programación do Auditorio Municipal “xa forma parte da ruta cultural” da cidade.

Caballero detallou que se oferta para este derradeiro trimestre un total de 22 funcións que abarcan diversos xéneros como teatro, música, danza, circo e incluso un espectáculo para bebés. Será un total de 18 compañías, das cales nove son galegas, oito doutras partes de España e unha portuguesa, engadiu o alcalde. Tres das compañías son viguesas e estrearán os seus novos espectáculos dentro da programación: Triatreros, Avento Producións e A Artística, froito do interese do Concello de Vigo en apoiar ás compañías locais á hora de estrear as súas novas montaxes.

A programación divídese na destinada a público adulto, que terá lugar os venres de outubro e novembro ás 21:00 h, e a destinada a público familiar, que continuará realizándose os domingos de novembro ás 18:00 h e con funcións dobres os domingos de decembro.

O rexedor vigués informou que, ante a demanda do público nas últimas edicións, este ano están programadas funcións dobres no mes de decembro para todos os espectáculos, ás 12:00 h e 18:00 h, entre os que se encontra un para bebés, o domingo 4; a representación das Tres Reinas Magas de Gloria Fuertes o domingo 18; e dúas funcións o domingo 11 da última produción da compañía madrileña Yllana, que fará un pase ás 18:00 h para todos os públicos e unha sesión máis “golfa” do mesmo espectáculo, destinada a público adulto, ás 20:30 h.

Moitos dos espectáculos seleccionados para esta programación contan con prestixiosos premios e están recomendados por diversas redes nacionais e internacionais.

Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios, como do programa Platea, así como as ordenanzas fiscais municipais. Os prezos das entradas para os espectáculos de público adulto abarcan desde os 5 aos 10 €, dependendo do caché das compañías e grupos. As entradas para os espectáculos dirixidos a público familiar terán prezos de 3 e 5 €, seguindo o mesmo criterio.

As entradas pódense adquirir anticipadamente a partir do luns 26 de setembro a través da páxina web www.ataquilla.com, telefonicamente a través do 902.504.500, ou ben físicamente no despacho de billetes da Central de Espectáculos, na sede de Afundación, ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo do espectáculo no despacho de billetes do auditorio, sempre que houbese entradas dispoñibles.

Os abonos para a programación deste semestre pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10, con importantes descontos do 15 e 25 % respectivamente.

DOSSIER PROGRAMA

Descargar (PDF, 1.82MB)