O Concello programa unhas festas de verán “en toda a cidade e para todas as idades”

Arranca o 4 de xullo “Vigo en Festas 2017”, presentado hoxe xoves polo alcalde, quen destacou os seis concertos programados no Auditorio de Castrelos -comezando o 14 de xullo coa actuación de La Oreja de Van Gogh- e a “acción estelar” de O Marisquiño. Caballero recordou que as festas portan o emblema “Illas Cíes: Obxectivo Patrimonio da Humanidade”.
Publicado por o día 22/06/2017 na sección de Concello de Vigo,Eventos,Galicia,Vigo

O Concello programa unhas festas de verán “en toda a cidade e para todas as idades”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este xoves, xunto á concelleira de Festas, Ana Laura Iglesias, o programa de “Vigo en Festas 2017”, do 4 de xullo ao 13 de agosto “en toda a cidade e para todas as idades”, segundo destacou o alcalde en rolda de prensa.

As festas de verán deste ano na cidade levan o “eslogan permanente” das “Illas Cíes: Obxectivo Patrominio da Humanidade”, apuntou Caballero, ao tempo que puxo en valor os seis grandes concertos no Auditorio ao aire libre de Castrelos ou a “acción estelar” que suporá a décimo sétima edición de O Marisquiño, do 11 ao 13 de agosto.

Castrelos acollerá as actuacións, todas ás 23 horas, de La Oreja de Van Gogh (o 14 de xullo), The Pretenders (o 20 de xullo), Miguel Bosé (o 25 de xullo), Carlos Vives (o 27 de xullo), a Coral Casablanca (29 de xullo) e Crystal Fighters (3 de agosto). O alcalde engadiu outros concertos que terán lugar en emprazamentos diferentes, como serán a Xira Verano 2017 Cadena Dial (o 4 de xullo en Samil), a Gala Lírica Orfeón Rey Rivero (o 8 de xullo no Auditorio Afundación), Morat (o 24 de xullo no Mar de Vigo) e o espectáculo MITIC (o 28 de xullo na Porta do Sol)

A cultura urbana tamén terá un espazo relevante na programación festiva estival, coa bandeira de O Marisquiño, do 11 ao 13 de agosto. ViKul, o 5º Encontro Internacional de Danza Urbana, estará na Porta do Sol os días 14 e 15 de xullo, e o 29 de xullo en Samil, o festival de Djs Storm Paint Festival. Vigo Street Stunts Body Extreme chegará ás Avenidas do 8 ao 10 de setembro e o 27 de xullo, na Porta do Sol, concertos dos grupos do VigoSónico.

O goberno de Vigo adica ás actividades en familia un bo número de propostas este verán. Os Espectáculos Infantís Cativo Musicais -de balde no escenario do Auditorio de Castrelos- contarán coa Patrulla Canina o 7 de agosto, Gisela e o Libro Máxico o 8 de agosto, Alborotados o 9 do nomeado mes, Paula Rojo o día 10 e A Marabillosa Historia da Bela Durminte o 11 de agosto.

Os obradoiros e actividades infantís, en horario de tarde, chegarán a Teis o 31 de xullo, á peonil do Calvario o 1 de agosto, á Praza da Independencia o día 2, a Bouzas o 3 e a Navia o 4 de agosto. Con 125 metros de lonxitude, o Concello instalará o Tobogán Acuático Slide City o 4 de agosto en Navia, en horario de mañá e de tarde.

“No Verán, un Conto” ofrece contacontos, obradoiros, xogos tradicionais, musica infantil, contos cantados e incluso de concienciación ambiental por diferentes puntos da cidade. Entre o 7 de xullo e o 1 de setembro, estarán en Navia, Teis, Bouzas, O Calvario, Praza da Independencia, Praza do Emigrante, Valladares, Coia, Castrelos, A Miñoca, Casco Vello e a rúa Londres.

O Festival Folclórico Internacional chegará a Vigo do 18 ao 23 de xullo, con formacións locais e procedentes de México, Cuba e Turquía, actuando tanto en auditorios das parroquias como nas rúas da cidade, antes de pechar cun desfile polo centro de Vigo e un acto de clausura no Auditorio Afundación.

A Festa da Cultura disporá de actuacións de grupos folclóricos e pasarrúas desde Príncipe o 28 e o 29 de xullo, culminando cunha exhibición de academias de baile moderno, o propio 29 de xullo na Porta do Sol. As bandas de música ofrecerán unha quincena de actuacións en horarios de mañá e tarde no Calvario e na Praza da Princesa, nas fins de semana de xullo e do 3 ao 13 de agosto.

Como vén sendo habitual, as Festas Gastronómicas teñen igualmente a súa presenza na programación festiva da cidade. A Festa da Sardiña celebrarase os días 5 e 6 de agosto na Carballeira da Guía, a Festa do Polbo será o 13 de agosto no Monte dos Pozos, e a Festa do Mexilón, o 3 de setembro no parque de Castrelos.

A programación complétase coas festas de Bouzas e o chamado Festival Poético Piromusical, o 16 de xullo ás 23 horas, co evento de ambientación romana Vicus Spacorum (na fin de semana do 16 e 17 de setembro no parque de Navia) e coa Noite Branca, o 11 de agosto, na que os museos de Vigo acollen exposicións, visitas guiadas e concertos de balde con apertura prolongada ata as dúas da mañá.