O Concello recibe o visto bo de Patrimonio ao ascensor que unirá Torrecedeira con Pi y Margall

O goberno de Vigo da outro paso máis cara a implantación do proxecto Vigo Vertical coa autorización de Patrimonio á transformación do parque Camilo José Cela, que inclúe un elevador para conectar Torrecedeira con Pi y Margall. O Concello reserva ao efecto 2,8 millóns, recordou Abel Caballero.
Publicado por o día 23/01/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello recibe o visto bo de Patrimonio ao ascensor que unirá Torrecedeira con Pi y Margall

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este martes da luz verde concedida por Patrimonio ao ascensor que unirá Torrecedeira con Pi y Margall, unha acción enmarcada no proxecto de implantación das políticas de desenvolvemento urbano sostible -Vigo Vertical-, que conta con financiación da Unión Europea a través dos Fondos FEDER.

O goberno de Vigo reserva 2,8 millóns para esta “gran obra” de transformación integral do Camilo José Cela, onde se emprazará o elevador -un parque que foi un “fracaso” no seu deseño e “unha zona hostil neste momento”-. A obra está xa adxudicada e co contrato formalizado, explicou Caballero, “condicionado ao visto bo de Patrimonio” xa recibido.

O alcalde avanzou que “imos refacer enteiro” o parque, cun “macro parque infantil” e áreas de xogo: “ímolo converter nun lugar de estancia de familias”. Caballero engadiu que haberá renovación de redes de servizos soterradas e alumeado completamente novo no parque, que verá reordenada a súa vexetación e sumará novas zonas verdes.

O goberno que dirixe Caballero tamén proxecta outros dous ascensores para unir Marqués de Valterra con Torrecedeira, conectando así co futuro elevador do parque Camilo José Cela, que dará continuidade ao xa operativo entre Pi y Margall e Camelias. Estimou o alcalde que “rentro dun ano e dous meses teremos completada a zona case íntegra do Vigo Vertical: subir desde o Auditorio ata Camelias. E ao ano seguinte chegaremos ata Hispanidade”.