O Concello recorda ao doutor Cesáreo Corbal na humanización da rúa que leva o seu nome

O alcalde visitou este xoves a humanización de Doutor Corbal, en Teis, onde o goberno vigués investiu case medio millón de euros. Caballero puxo en valor o maior espazo ante o colexio San Xosé da Guía, que inclúe unha estación metereolóxica con fins didácticos, e a placa de bronce ao doutor Césareo Corbal, o coñecido como “médico dos pobres”.
Publicado por o día 13/07/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello recorda ao doutor Cesáreo Corbal na humanización da rúa que leva o seu nome

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou este xoves a primeira fase da humanización de Doutor Corbal, entre as rúas Sanjurjo Badía e Camiño Maceiras, remodelación na que o goberno vigués vén de investir case medio millón de euros.

Abel Caballero amosou durante a visita a súa “satisfacción” pola reforma desta rúa “moi importante”, que estaba nun estado “case que marxinal” tras “cen anos” sen ningunha actuación. A reforma da parte alta de Teis é un “gran obxectivo” do goberno vigués, en verbas do alcalde.

A humanización ten algúns elementos singulares, como o aumento de espazo peonil fronte ao colexio San Xosé da Guía, onde o Concello instalou unha estación metereolóxica con fins didácticos que enviará información ao nomeado centro educativo. Ademais, unha das sinais verticais que advirte dun paso de peons presenta iluminación LED.

O goberno de Vigo quixo coa reforma homenaxear á figura de Cesáreo Corbal. Unha placa de bronce recorda ao coñecido como o “médico dos pobres”, doutor que desenvolveu a súa laboura profesional en Teis e que atendía desinteresadamente á xente sen recursos. A placa porta unha imáxe do doutor Corbal e unha breve biografía. “No futuro faremos máis cousas co Doutor Corbal”, para recordalo dunha “forma máis activa”.

A reforma do vial inclúe novas beirarrúas de granito e nova calzada e a renovación de máis de medio quilómetro de canalizacións de saneamento, abastecemento de auga e pluviais. O Concello tamén incorporou unha nova rede de alumeado e o soterramento das redes aéreas de telecomunicacións e a rede eléctrica, xunto con novas papeleiras, bancos, xardineiras, árbores, un sistema de rego automático e farolas con ópticas LED. Os semáforos do cruce con Sanjurjo Badía integran o sistema acústico para invidentes, activable por bluetooth ou mando a distancia.