O Concello reforza a seguridade e a estrutura de Río e mellora a visibilidade en Río Alto

Segundo informou Caballero, o goberno local modificou o proxecto da nova bancada de Río, no estadio de Balaídos, para reforzar a estrutura e subestrutura da fachada, renovar redes de servizos, mellorar a protección contra incendios en Río, Gol e Marcador, e incluír vidro na varanda do corredor central en Río Alto. O Concello inviste 373.000 euros ao efecto.
Por o 17/11/2017 | Sección: Celta,Concello de Vigo,Deportes,Galicia,Vigo
O Concello reforza a seguridade e a estrutura de Río e mellora a visibilidade en Río Alto
Compartir en:

A Xunta de Goberno Local aprobou modificar o proxecto de obras de reforma da bancada de Río, no estadio municipal de Balaídos, para incluír o reforzo das estruturas da fachada, a renovación das redes de servizos, a mellora da protección contra incendios e raios en Río, Gol e Marcador, e das condicións da visibilidade na fila 7 de Río Alto, incorporando vidro na varanda do corredor central. Segundo explicou en rolda de prensa Abel Caballero, o Concello inviste 373.000 euros nestas actuacións en Río -a obra foi licitada por case 6,8 millóns- e son de interese público.

O alcalde detallou as medidas, que pasan polo reforzo da estrutura e subestrutura da fachada, acorde aos ensaios do túnel do vento, para soportar cargas superiores ás recollidas na normativa. Tamén mellorará o Concello o peche inferior da fachada de Río e o remate desta no acceso á bancada. Caballero indicou que, tras analizalo co inicio da obra, a estrutura da cuberta do pavillón estaba en mellor estado do previsto, co que se aforra os traballos de reforzo previstos.

No relativo ás redes de servizos, o goberno vigués cambiará as baixantes de auga residuais e pluviais -con máis de tres décadas de vida útil-, renovará as de distribución de auga ao atoparse en mal estado e redeseñará as redes de distribución eléctricas, que nalgúns casos estaban obsoletas. O Concello mellorará tamén a seguridade na protección contra incendios e raios na bancada de Río e tamén as de Marcador e Gol.

Por último, a modificación inclúe a substitución da banda de separación do corredor central de Río Alto para a inclusión dun tramo superior de vidro. O obxectivo desta decisión é despexar a visibilidade dos espectadores da fila sete, a contigua superior ao corredor central.

Subvencións 
Caballero deu conta doutros asuntos abordados pola Xunta de Goberno Local, como o apoio con 12.000 euros á Universidade de Vigo para a celebración da Segunda Feira Internacional de Emprego Universitario ou o convenio para o desenvolvemento da “Maratón Fotográfica” por 5.000 euros, certame para o que o Concello achega máis do 60% do orzamento total.

O goberno de Vigo validou tamén o convenio por 7.000 euros en favor de Sinsal Audio para o desenvolvemento do Festival Sinsal, que inclúe dous concertos na Facultade de Telecomunicacións de Vigo (Agoraphobia o 29 de novembro e Chicharrón o 13 de decembro) e outras dúas actuacións no MARCO (Hijos de la Montaña o 28 de novembro e Thor Harris&Friends o 15 de decembro).

O alcalde citou a aprobación dunha subvención mediante convenio coa Asociación de Corais Polifónicas de Vigo para o programa “Vigo, un mar de corais”. O Concello achega ao efecto 173.000 euros para levar adiante 224 actuacións gratuitas durante todo o ano. ACOPOVI aglutina a 39 corais polifónicas de entidades veciñais e/ou culturais de Vigo.

Una respuesta para "O Concello reforza a seguridade e a estrutura de Río e mellora a visibilidade en Río Alto"

  1. Gamela   19/11/2017 at 0:32

    Na era da posverdade, seguimos publicando que é Abel Caballero quen paga Balaídos?

    Cando é ben sinxelo comprobar cando foi asinado o Convenio !!!
    http://xornal.vigo.org/xnnoticia.php?noticia=21239

    Abel pasará a vida dicindo que gasta o que lle dá a gana… pero a broma cústanos a todos 30 millóns de euros

    Cicais cando rematen as obras o estadio teña que PECHAR !

    Como case todo en Vigo acabaremos por colgar o “Pechado por Defunción”
    https://flic.kr/p/NG6EzJ