O Concello reúne aos perruqueiros/as mosenses para organizar un acto solidario

Dende a administración local preténdese que participe o maior número de perruquerías de Mos posible para acadar un obxectivo común: recadar fondos para Asodifisi e AECC
Por o 19/02/2018 | Sección: Galicia,Mos
O Concello reúne aos perruqueiros/as mosenses para organizar un acto solidario

Esta mañá celebrouse no Multiusos das Pozas unha reunión entre a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, e representantes das perruquerías de Mos para abordar a organización dun acto solidario en beneficio de Asodifisi (Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos) e da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) Xunta Local de Mos. Na xuntanza estiveron presentes tamén Asunción Monroy, presidenta de Asodifisi, e Ángel García de ‘Angel Estilistas’, perruqueiro de Mos que o ano pasado tivo esta idea solidaria á que este ano se lle dará continuidade con coordinación municipal.

O evento celebrarase nos exteriores do Pazo de Mos nunha data aínda por determinar. Esta iniciativa persegue obxectivo de axudar a dúas asociacións sen ánimo de lucro de Mos, Asodifisi e AECC. O formato da actividade consistirá en que os asistentes á mesma poderán cortar o pelo ou peitearse por un prezo simbólico mercando previamente un ticket de participación. E ademais ao longo da xornada haberá outras actividades de lecer, deportivas, culturais e musicais para o goce e entretemento de tódolos asistentes.

En Mos existen inscritas un total de 20 perruquerías ás que o Concello convida a participar neste acto lúdico-solidario para que se unan o maior número de perruqueiros/as mosenses posibles no loable fin de recadar fondos para AECC e Asodifisi.

Ángel García, creador desta orixinal e altruista idea, explica ao respecto que “o que pretendemos é que a xente se involucre e o pase ben, se logo queren cortar o pelo ou peitearse perfecto. Ademais quen queira colaborar económicamente sen facerse ningún tratamento de perruquería tamén pode”.