O Concello de Ribadumia organiza unha Xornada Informativa de Axudas e Subvencións

O Concello de Ribadumia organiza en colaboración coa consultora Idae Consultores, unha xornada informativa dirixida a emprendedores, tecido empresarial e comerciantes
Por o 16/02/2018 | Sección: Galicia
O Concello de Ribadumia organiza unha Xornada Informativa de Axudas e Subvencións

O Concello de Ribadumia informa que o próximo luns, día 19 de febreiro, organiza, en colaboración coa consultora Idae Consultores, unha xornada informativa dirixida a emprendedores, tecido empresarial e comerciantes, para dar a coñecer as liñas de axudas e subvencións destinadas a estes colectivos

A xornada celebrarase no Salón de Plenos do Concello e contará coa presenza de Anabel Díaz, directora de Idae Consultores e responsable de proxectos e xestión de subvencións. A poñente abordará polo miúdo aquelas liñas de axudas e subvencións destinadas aos tres colectivos mencionados en dúas quendas, facilitando así a achega da información aos presentes. A primeira intervención, prevista ás 19:00 horas, estará dirixida a empresarios e emprendedores, mentres que a segunda, que se celebrará a partir das 21:00 horas, se orienta principalmente ao sector do comercio.

Durante a xornada, realizarase unha exposición clara das liñas de axudas  e subvencións en vigor destinadas a cada colectivo. Así mesmo, convidarase aos participantes a participar activamente, expoñendo as súas dúbidas ou consultas, na procura de que acaden unha idea clara de aquelas actuacións que, segundo a súa situación, poidan ser obxecto de formalización dunha axuda ou subvención.