O Concello de Ribadumia regulariza a situación da instalación eléctrica da Casa da Cultura de Besomaño

O Concello de Ribadumia informa de que xa se atopan finalizadas as obras e a regularización da instalación eléctrica da Casa da Cultura de Besomaño.
Publicado por o día 22/02/2018 na sección de Galicia

O Concello de Ribadumia regulariza a situación da instalación eléctrica da Casa da Cultura de Besomaño

Durante 15 anos, o anterior goberno, presidido pola actual portavoz do Partido Popular, Salomé Peña, mantivo en situación ilegal a instalación eléctrica da Casa da Cultura de Besomaño, que se atopaba conectada á rede pública. Ademais, a corporación de Salomé Peña non levara a cabo as xestións necesarias para pasar a inspección do OCA pertinente, coa gravidade que isto implica nun edificio público.

O actual equipo de goberno decatábase desta situación irregular a mediados do pasado ano 2017, coa denuncia dos veciños da parroquia. Inmediatamente, a corporación municipal comezou coa elaboración do proxecto  para regularizar a instalación e a subministración, solicitando un orzamento á empresa eléctrica Gas Natural Fenosa. O presuposto foi establecido pola compañía en  23.928,66 € para realizar os traballos para a posta a punto da instalación, así como para a alta do servizo contratado. Tras o estudo da zona e do plan de Fenosa, o Concello decidiu facerse cargo dos traballos necesarios para a canalización do tendido eléctrico, acadando unha importante redución do orzamento, que pasou a ser de  6712.12 €, apenas un 28% do establecido inicialmente.

Por fin, despois da irresponsable xestión do anterior goberno de Salomé Peña e das negociacións con Fenosa, as obras están xa rematados e o contrato coa eléctrica atópase xa en funcionamento.