O Concello saca a contratación 10 millóns de euros nos últimos dez días do ano

A Xunta de Goberno aprobou hoxe o expediente de contratación da Ponte do Burgo e da rúa Virxe do Camiño, que se suman ao Local Social do Burgo, á reforma do Mercado de Abastos, ao Pavillón Multiusos e a reforma do Gorgullón
Publicado por o día 29/12/2017 na sección de Galicia,Pontevedra

O Concello saca a contratación 10 millóns de euros nos últimos dez días do ano

 

O Concello de Pontevedra remata o ano cunha elevadísima actividade inversora, dado que nas tres últimas Xuntas de Goberno aprobáronse proxectos (ou adxudicáronse) por case 10 millóns de euros. O concelleiro responsable de Obras, Demetrio Gómez explicou esta mañá que a reunión que se mantivo o pasado setembro coas Federacións de veciños, materialízanse agora nas aprobacións das licitacións dos grandes proxectos que o Concello tiña en carteira este 2017.

O pasado 21 de decembro aprobouse abrir o proceso de contratación da reforma do Mercado de Abastos (279.292,78 euros), da remodelación do Pavillón do Multiusos (2.143.038 euros) e a reforma da rúa Gorgullón (1.554.055 euros).

O día 26 sacouse a licitación o proxecto do Local social de O Burgo por 639.902,97 euros e a adxudicación á empresa E. C. Casas da mellora das vías rurais de Cochón, Cabaleiro, Barragáns e Casal do Mendo na parroquia de Campañó por 153.700 euros; e a estrada entre a Devesa e As Bouzas, na parroquia de Alba por 160.750 euros.

Onte tamén se adxudicou á empresa Alqui Envas o subministro de 8.000 composteiros individuais que se repartirán nas parroquias (a domicilio) dando un paso definitivo ao proceso de compostaxe que está a impulsar o Goberno Local. A adxudicación foi por 464.640 euros.

Hoxe mesmo, o Goberno celebrou unha última xuntanza do ano para aprobar o inicio da licitación do proxecto da Ponte do Burgo por valor de 2.561.390,91 euros o que supón que no 2017 quedan tramitados todos os Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), xunto ao Mercado de Abastos, o Gorgullón e o Multiusos.

Nesta xunta de Goberno tamén se aprobou o inicio do proceso de contratación da reforma da rúa Virxe do Camiño por 1.411.428,23 euros e un novo proxecto que se incorpora aos anteriores e que pretende pór en valor as pontes sobre o Lérez. Trátase da iluminación integral das portes urbanas por valor de 449.960 euros.

Proxecto de reforma das pontes urbanas

Demetrio Gómez explicou que agora que se vai restaurar a Ponte do Burgo, é unha oportunidade inmellorábel para que todo o conxunto e cada ponte por separado adquira todo o seu valor, dado que son un recurso arquitectónico, monumental e turístico moi importante para a cidade.

A principal dificultade para a elaboración do proxecto foi conceptual: formulouse a disxuntiva entre o tratamento unitario para destacar o conxunto, e o alumeado específico de cada ponte para facela destacar (porque todas teñen valores históricos, arquitectónicos, estéticos e funcionais de grande valor). E optouse por unha vía
intermedia.

A iluminación da Ponte das Correntes será o máis espectacular. Disporá de 106 proxectores LED RGBW en pezas de aceiro inoxidábel para agachalas, con control único programábel (cor, acendido). Moi similar á Ponte do Burgo.

A ponte do Burgo terá a súa propia iluminación incluída dentro do proxecto de reforma e que supera os 800.000 euros.

A ponte de Santiago será a máis sobria, seguindo as súas liñas arquitectónicas. Disporá de proxectores de luz branca LED nos piares para destacar ás únicas liñas que ela ten.

A ponte dos Tirantes foi a decisión máis complexa xa que é a máis espectacular. Así que irá con luces brancas para iluminar os tirantes e as columnas (substituíndo os proxectores actuais), tamén se iluminará o proxecto.

Finalmente a pasarela peonil terá unha intervención respectuosa coa contorna natural e disporá de cordóns leds nos tirantes e proxectores no arco para as persoas que camiñan.