Concello Santiago mostra a súa repulsa ante actos violentos na residencia oficial do presidente da Xunta en Monte Pío

Publicado por o día 17/10/2017 na sección de Galicia,Santiago

Concello Santiago mostra a súa repulsa ante actos violentos na residencia oficial do presidente da Xunta en Monte Pío

O Concello de Santiago manifesta a súa máis enérxica condena aos actos violentos acontecidos esta noite na cidade. Na madrugada, un individuo lanzou un artefacto incendiario de fabricación caseira contra o muro da residencia oficial do presidente da Xunta en Monte Pío, e posteriormente, presuntamente a mesma persoa, causou danos en dous caixeiros automáticos do Ensanche, un na confluencia entre as rúas Santiago de Chile e A Rosa, e outro en Frei Rosendo Salvado.

O alcalde, Martiño Noriega, púxose en contacto esta mañá co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para expresarlle a súa repulsa ante o acontecido. Tamén mantivo contactos cos voceiros dos grupos da Corporación municipal para mantelos informados sobre estes lamentables feitos.

O Goberno de Santiago condena calquera acción violenta e entende que nunca hai xustificación para actitudes deste tipo. Compostela é unha cidade tranquila, e actos como os desta noite non teñen cabida na nosa sociedade.